ConcellosÚltima hora

Xuventude duplica as axudas para proxectos locais dirixidos á mocidade

A directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, recoñeceu a labor dos 125 voluntarios da provincia polo seu traballo en diferentes iniciativas locais de acción e desenvolvmento
Cecilia Vázquez canda aos voluntarios no acto de entrega de diplomas.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, estivo esta mañá en Ourense para levar a cabo diversas actividades dentro do Espazo Xove de Ourense. Por unha banda, mantivo unha xuntanza cos alcaldes, concelleiros de mocidade e técnicos de información xuvenil da provincia coa finalidade de explicarlles as novidades máis destacadas da súa área para este ano.

Dentro desas axudas, destinadas a entidades locais de Galicia para pór en marcha iniciativas locais dirixidas á mocidade, Cecilia Vázquez remarcou a importancia de fomentar a realización de actividades de educación no formal e a participación xuvenil, potenciando que se fagan conxuntamente entre varios concellos. Así, informan dende Xuventude, se incrementarán os importes máximos , pasando de 3.000 a 6.000 euros nos máis de 8.000, e nos programas en que interveñan dous concellos, esa cantidade ascenderá a 15.000 euros; e nos que participen tres ou máis concellos, o montante da subvención crecerá a 22.000 euros.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, comunicou que con esta orde “se pretende potenciar os mellores proxectos nas áreas de Dinamización da información para a mocidade e nas iniciativas locais emprendedoras”, nas que pretende que se presenten proxectos relacionados co emprendemento e coa empregabilidade da mocidade.

Por outra banda, Cecilia Vázquez, expuxo tamén que se está a traballar no novo decreto de Xuventude, que desenvolve a Lei de Xuventude de Galicia, no que pretende contar cos técnicos que traballan no ámbito da mocidade. Con esta finalidade, levaranse a cabo xornadas provinciais cos técnicos de información xuvenil e xuventude, coas asociacións xuvenís e coas escolas de tempo libre para que saia un texto o máis participativo posible.

Recoñecemento

Máis de 120 voluntarios ourensáns, que teñen idades entre os 18 e os 20 anos e que participan nos 18 proxectos de carácter provincial que se desenvolveron o pasado ano no marco do programa do Servizo de Voluntariado Xuvenil, foron recoñecidos pola directora xeral de Xuventude, Participación e voluntariado, Cecilia Vázquez, pola súa labor.

O acto de entrega de diplomas fíxose na propia sede do Espazo Xove de Ourense e con este acto a Xunta “recoñece publicamente o traballo solidario desenvolvido por estas persoas voluntarias que se implicaron nestas iniciativas”. Devanditas actividades tiveron unha duración entre os 15 e os 60 días, e contaron cunha achega de 67.541 euros por parte da Administración autonómica. No programa de colaboraron dez entidades de acción voluntaria e oito concellos da provincia, que impulsaron accións nos ámbitos de xuventude, medio ambiente, igualdade, Camiño de Santiago e da recuperación da cultura, artes e tradicións de Galicia.

A Xunta de Galicia destinou no pasado ano un total de 375.000 euros ao programa de Servizo de Voluntariado Xuvenil, dos que 175.000 foron para entidades locais, e 200.000, para entidades de acción voluntaria, co obxecto de colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado e influír no desenvolvemento comunitario.

En cifras globais, referidas ao conxunto da nosa comunidade autónoma no programa Servizo de voluntariado xuvenil, participaron un total de 580 persoas voluntarias, 35 concellos e 50 entidades de acción voluntaria.

Artigos relacionados

Back to top button