En portada

XVII Pisa da castaña seca, en Froxán

Celebrarárase o vindeiro 6 de decembro a partires das once e media da mañá nesta localidade de Folgoso do Courel
Imaxe da pisa da castaña na pasada edición desta festa en Froxán./ Foto: Carlos G. Hervella.
Imaxe da pisa da castaña na pasada edición desta festa en Froxán./ Foto: Carlos G. Hervella.

Na xornada do 6 de decembro Froxán (Folgoso do Courel) atraerá a multitude de persoas con motivo da XVII Pisa da Castaña Seca. Este evento, que promove a Asociación Cultural Fonte do Milagro, contará cun completo programa que mestura a tradición coa festa. Os actos comezarán a partires das once e media da mañá co acendido do antigo sequeiro.

De seguido, terá lugar unha homenaxe á Librería Celia de Quiroga, que, como vén sendo habitual, terá o seu posto de libros en Froxán. Ás 12:15h. comezará a tradicional demostración da pisa e do abandoxado da castaña seca. Será un dos momentos máis agardados e tamén máis fotografados. En torno a unha e media procederase á lectura do pregón, que nesta ocasión correrá a cargo do humorista, actor e presentador Xosé Antonio Touriñán.

De seguido comezará o xantar do “menú do pisador”, cun prezo de 10 euros. Este menú consta de castañas, chourizos, panceta e tarta de castañas. Pola tarde retomaranse as demostracións de pisado e abandoxado, abertas xa á participación do público, e ademais haberá foliada. Ao longo de todo o día non faltará a música e tamén se instalará unha mostra de artesanía nas proximidades do sequeiro. A Pisa 2015 concluirá ás 20:30h.

Artigos relacionados

Back to top button