EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A XX Feira do Viño de Valdeorras terá como pregoeiro ao actor Javier Veiga

Unhas 18 adegas teñan xa confirmada a súa participación no certame, que se desenvolverá na fin de semana do 15 e 16 de xullo na praza de Viloira
O presidente do CRDO Valdeorras, Francisco García, co alcalde do Barco, Alfredo García, e co deputado provincial, Juan Anta./ Foto: A.R.

O godello é o principal protagonista da imaxe promocional da XX Feira do Viño de Valdeorras, tal e como destacaba o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Francisco García, na presentación do programa deste evento que se desenvolverá na fin de semana do 15 e 16 de xullo na praza de Viloira (O Barco). “Malia que 2017 está a ser un ano complicado para os membros do sector de Valdeorras por mor das xeadas do mes de abril, confiamos en salvar os mobles e en que o godello nos siga a dar alegrías”, dicía na rolda de prensa celebrada na tarde do 3 de xullo no Barco.

Neste certame, que “se vai adentrando xa na súa idade adulta”, segundo Francisco García, teñen xa confirmada a súa participación 18 adegas, das cales un 75% xa estiveran presentes na pasada edición. Aínda así, segundo matizaba o presidente, o prazo de inscrición continúa aberto, polo que podería haber novas incorporacións.

Tamén se desvelaba neste acto (no que o presidente da D.O. estaba acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García, e polo alcalde veigués e deputado provincial Juan Anta) o nome do pregoeiro da mostra, que será o actor galego Javier Veiga. “É un pregoeiro de excepción que xa foi padriño dos dous últimos actos de promoción dos nosos viños”, sinalaba o presidente da D.O., referíndose á presentación da añada 2016 de Valdeorras en Santiago en marzo e en Madrid en maio.

O actor Javier Veiga será o pregoeiro desta edición da Feira do Viño./ Foto: Carlos G. Hervella.

De seguido, Francisco García debullaba o programa da mostra que terá como limiar un curso sobre novas tecnoloxías aplicadas á venda de viño, promovido en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), así como a II Ruta dos Pinchos da Feira do Viño (organizada xunto á Asociación Empresarial de Valdeorras e ao Barco CCA) os días 14 e 15 de xullo coa participación de 17 establecementos de hostalaría da vila. Tamén neses dous días terá lugar a cata oficial dos viños da feira.

Un dos momentos da rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

A mostra propiamente dita inaugurarase no mediodía do 15 de xullo coa lectura do pregón. Ao longo da xornada haberá tamén un showcooking a cargo do cociñeiro Flavio Morganti e diversas actuacións musicais, entre elas un concerto de Son do Sil, tal e como confirmaba o alcalde do Barco, Alfredo García. Esta actuación está programada para as 23h. Xa o domingo haberá de novo animación musical con charangas e, durante a tarde, terá lugar o acto de entrega dos premios da XVIII Cata da Feira do Viño de Valdeorras.


Guía de viños e adegas da D.O. Valdeorras

No marco da rolda de prensa, o presidente do CRDO Valdeorras presentaba un catálogo, editado recentemente por esta entidade, que recolle en detalle información de cada unhas adegas amparadas baixo o selo de calidade de Valdeorras e dos viños que éstas producen. “O seu obxectivo é contribuír a posicionar os nosos brancos e tintos en diferentes ámbitos: feiras no exterior, accións comerciais, etc”, destacaba Francisco García, “estou seguro de que esta guía vai permitir que moitos dos nosos prescritores e consumidores finais coñezan máis pormenorizadamente as nosas marcas e o noso potencial”.

Portada do catálogo de adegas de Valdeorras que vén de editar o consello regulador./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button
Close