ConcellosÚltima hora

A XXII Feira de Outono de Allariz incorpora o embutido con ortigas

Esta cita, que se celebra os vindeiros 11 e 12 de novembro, pretende pór en valor o produto local de outono como o mel, as castañas, os cogomelos, as noces e o pan
Estela Iglesias e Cristina Cid. // Foto: Carlos Asensio.

A vila de Allariz quece motores para celebrar, esta fin de semana (11 e 12 de novembro) a súa tradicional Feira de Outono, que este ano chega á súa vixésimo segunda edición. Mel, noces, pan castañas, cogomelos… esta é a carta de presentación coa que anunciaron hoxe, 7 de novembro, esta cita a concelleira de Promoción Económica do Concello de Allariz, Cristina Cid, e a técnico deste área, Estela Iglesias.

A edil salientou que neste tempo “conseguimos pór en valor os produtos que se realizan e o medio rural”. Asemade, reiterou que “cada vez son máis as explotacións que temos en Allariz”. Así, como cada ano, a Feira de Outono convértese nun escaparate do produto local.

Un total de 38 postos ofrecerán os produtos locais típicos da época. // Foto: Carlos Asensio.

En total, segundo informou Estela Iglesias, o Pavillón da Feira acollerá 38 postos “a meirande parte da vila, aínda que haberá algún que outro de Portugal”, dixo. Como novidade deste ano, a técnico anunciou que se incorporan “o chourizo e o salchichón con ortigas”. Este pavillón abrirá ás 10:00 horas e arrancará coa tradicional saída ao monte na procura de cogomelos da man do experto José Gómez. “Intentaremos atopar algún xa que este ano a cousa está complicada coa seca”, dixo a concelleira, Cristina Cid.

Outra das actividades destacadas é a de “Allariz Sabe a Outono”, na que se realizará un “showcoocking” da man de Alejandro Mínguez para aprender a cociñar con castañas. Isto o sábado ás 12:30 horas. Logo, ese mesmo día ás 17:00, haberá un obradoiro de cata de aceites e, finalmente, ás 18:30 horas, haberá un obradoiro de cociña co IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia.

Para o domingo, a xornada arranca ás 11:00 horas co concurso afeccionado “Tapa Fría de Outono”, do que se coñecerá o fallo ás 13:30 horas e cuxo premio son 150 euros e un diploma. Logo, dentro da actividade “Allariz sabe a Outono”, haberá un relatorio coa blogueira gastronómica Conchi Zúñiga. Segundo explicou Estela Iglesias , neste día “haberá tamén unha cita cun cociñeiro de renome, pero aínda non o podemos anunciar”.

A todo isto hai que engadir unha Exposición Micolóxica das variedades máis comúns de cogomelos que se atopan no monte alaricano, na que colabora o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e unha charla-coloquio o sábado, ás 18:00 horas, titulada “Curiosidades dos Cogomelos”, impartida por José Gómez.

Tapas e menús

Pero os visitantes non só van poder adquirir estes produtos na feira senón que tamén van poder gozalos na hostalería local. Un total de once establecementos prepararán diversos menús e tapas de outono que roldan entre os 7 e os 35 euros.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button