CulturaCulturaÚltima hora

XXII Semana Cultural de Vilanova, do 10 ao 13 de agosto

O luns día 10 proxectarase na praza o filme “A Esmorga” do director petinés Ignacio Vilar
A directiva da Asociación Cultural O Mosteiro co cartaz de "A Esmorga" que se proxectará en Vilanova (O Barco). /Foto: Carlos G. Hervella.
A directiva da Asociación Cultural O Mosteiro co cartaz de “A Esmorga” que se proxectará en Vilanova (O Barco). /Foto: Carlos G. Hervella.

“Un pobo pequeno pode facer cousas grandes” di Ángeles Pérez, por iso dende a Asociación Cultural O Mosteiro de Vilanova (O Barco) que preside, contan cos socios e con todo o pobo para poder organizar actividades culturais e festivas. “Sen eles non somos nada”, asegura.

Como seguen contando con ese incondicional apoio, na tarde do 5 de agosto, presentaban nas escolas de Vilanova a programación da XXII Semana Cultural que se celebrará do 10 ao 13 de agosto. Catro días de actividades que arrancarán cun dos actos máis destacados do programa, a proxección do filme A Esmorga o luns día 10 ás 22h. na praza, contando coa presenza do director, o petinés Ignacio Vilar. A asociación porá cadeiras para o público así como un bar.

O martes 11 de agosto, a partires das 18:30h. celebrarase o concurso infantil de debuxo e redacción nas escolas municipais. O xurado elixirá o mellor pero haberá agasallos para todos. Ao día seguinte, 12 de agosto, á mesma hora terá lugar un concurso de cartas (barallas española e americana) e de petanca para maiores de idade.

E xa o derradeiro día das xornadas, o xoves día 13 ás 21h. haberá unha conferencia a cargo do párroco, D. Herminio González que versará sobre a restauración dos retábulos, especialmente os que alberga a igrexa de Santa María de Vilanova, recentemente restaurados.

A semana completarase coa celebración das festas patronais na honra á Virxe (15 de agosto) e San Roque (16 de agosto) cunha orquestra para cada día que amenizará o baile en sesión de tarde e verbena, porque, tal como asegurou Ángeles “as festas populares forman parte das nosas raíces e da nosa cultura e a asociación O Mosteiro está pensada para iso, para promocionar e exaltar todo o que teña que ver coa cultura do noso pobo”.

Artigos relacionados

Back to top button