ConcellosÚltima hora

A XXVI Semana de Cine do Barco incluirá unha mostra de Chere

O pintor valdeorrés exporá por vez primeira na súa vila natal no Teatro Lauro Olmo, onde proxectarán as once películas destas xornadas
Rolda de prensa de presentación da XXVI Semana de Cine do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Rolda de prensa de presentación da XXVI Semana de Cine do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Películas, documentais, curtametraxes, pero tamén música e pintura. O Cine Club Grouch Marx, que preside José María Rodríguez, vén de dar a coñecer o cartaz e a programación da XXVI Semana de Cine do Barco, que se celebrará no Teatro Lauro Olmo da vila do 21 ao 31 de agosto. Presentaba as novidades e as actividades desta edición nunha rolda de prensa na que estaba acompañado pola concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, e pola autora do cartaz, a nena barquense Cristina González Rodríguez.

O cine de autor será o protagonista destas xornadas nas que se proxectarán 11 películas, cinco delas dirixidas ao público máis novo. Unha das novidades desta Semana de Cine será que o Concello do Barco asume o apartado de cinema infantil, que incluirá os filmes: “Pesadillas”, “El cuento de la Princesa Kaguya”, “Normal del norte”, “El viaje de Arlo” e “El recuerdo de Marnie”. “A entrada a estas películas será gratuíta para os nenos, pero non para os seus acompañantes. A cambio desa entrada gratuíta pedimos unha colaboración para Cáritas que nos solicitaron que sexa, principalmente, en forma de alimentos como galletas, cacao, pastas ou latas de conservas. Os rapaces poderán recoller as invitacións na mesma taquilla do Teatro Lauro Olmo”, explicaba a edil barquense.

José María Rodríguez, durante a presentación da XXV Semana de Cine./ Foto: Ángeles Rodríguez.
José María Rodríguez, durante a presentación da XXV Semana de Cine./ Foto: Ángeles Rodríguez.

As outras dez películas, pensadas xa para un público maior, abordan “as relacións entre homes e mulleres, entre as mulleres e o traballo. Hai tamén un documenta francés “Mañana” que incide na necesidade de recuperar o planeta”, adiantaba José María Rodríguez. Así ademais deste, os títulos que poderán verse no Barco serán: “La novia”, “Un doctor en la campiña”, “The assassin”, “Sufragistas”, “El abrazo de la serpiente”, “Un hombre de altura”, “Conducta”, “Si Dios quiere”, “O los tres o ninguno”. O prezo das entradas será de 3 euros para os 115 socios do Cine Club Groucho Marx e de 4 euros para os non socios. Ademais haberá un bono que poderá adquirirse previamente e que permitirá ver o total de filmes ao prezo de 20 euros.

O pintor barquense Chere, con algúns dos seus cadros./ Foto cedida.
O pintor barquense Chere, con algúns dos seus cadros./ Foto cedida.

A apertura da Semana de Cine está prevista para o día 21 de agosto ás 20h. e nese acto tamén se inaugurará unha mostra de pintura erótica do creador barquense Gerardo Rodríguez Ramos “Chere”, que exporá por vez primeira no seu pobo. Serán ao redor de 30 cadros que se instalarán no hall do Teatro Lauro Olmo, lugar onde se proxectarán os filmes. Ademais poderá verse a última curtametraxe de Xacio Baño “Eco”, premiada nos pasados Mestre Mateo e un concerto de música de películas a cargo de Severiano Casal de Rei.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button