ConcellosÚltima hora

As Xornadas de Folclore levarán espectáculos internacionais por 16 vilas da provincia

Uns 200 artistas de Arxentina, Bolivia, Colombia, Rusia, República de Chechenia, Serbia e Sudáfrica desembarcarán en Ourense do 8 ao 17 de agosto
De esquerda a dereita, Manuel Doval, Rosendo Fernández, Olga Mojón e Xulio Fernández.
De esquerda a dereita, Manuel Doval, Rosendo Fernández, Olga Mojón e Xulio Fernández.

A Deputación de Ourense presentou esta mañá o novo programa das Xornadas de Folclore, unha cita que atravesa xa a súa trixésimo terceira edición. Considerado o evento como un festival de multiculturalismo internacional, celebrarase en 16 vilas da provincia ourensá entre o 8 e o 17 de agosto.

Un momento da presentación, esta mañá, na Deputación.
Un momento da presentación, esta mañá, na Deputación.

Ao acto de presentación acudiu o vicepresidente do ente provincial, Rosendo Fernández, na compaña da directora das xornadas, Olga Mojón, o director artístico, Xulio Fernández, e o técnico de Cultura da Deputación, Manuel Doval.

O festival traerá nesta edición a un total de 200 artistas procedentes de Arxentina, Bolivia, Colombia, Rusia, República de Chechenia, Serbia e Sudáfrica, que despregarán os seus espectáculos folclóricos polas localidades de Ourense ciade, A Rúa, Allariz, Bande, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, O Barco, O Carballiño, Ribadavia, Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.

O evento “é todo un clásico e un referente do verán na provincia de Ourense”, calificou o vicepresidente da Deputación. Este ano conta cun orzamento duns 140.000 euros, segundo avanzou a directora, que inclúe o compromiso dos propios concellos implicados, a organización por parte da institución provincial, o patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración especial da Confederación Internacional de Festivais, pertencente á Unesco. “Tratamos de combinar variedade con interese artístico cultural”, concretou o director artístico. Tamén falou o técnico de Cultura, que dixo que “é de agradecer que a Deputación aposte por achegar a cultura aos veciños”.

Texto e fotografías: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button