CulturaCulturaÚltima hora

As XXXIV Xornadas do Folclore encherán de música e danza a 16 vilas da provincia

Seis compañías de diferentes partes do mundo ofrecerán os seus espectáculos entre os días 7 e 16 de agosto
Actuación dunha actuación dunha edición anterior destas xornadas./ Foto: Carlos G. Hervella.

Un total de 16 vilas da provincia,  entre elas O Barco de Valdeorras, Maceda, Trives, A Rúa, Manzaneda e Viana do Bolo, uniranse a través das XXXIV Xornadas de Folclore, que se celebrarán entre os días 7 e 16 de agosto. Unha cita cultural moi asentada no calendario e que trae un total de seis compañías de folclore vindas dende diferentes ángulos do mundo. En concreto, o cartel está composto polo Ballet Folclórico Municipal de Rancagua (de Chile); a Compañía Mexicana de Danza Folklórica; os peruanos da Asociación Cultural Qhaswa; o Folk Dance Ensemble Stanitsa, de Rusia; o Folk Dance Ensemble Katalvk, que veñen dende a república rusa de Yakutia e, por último, os African Tumbas de Kenya.

Na presentación de hoxe, 12 de xullo, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, asegurou que estes artistas que veñan serán “os embaixadores da súa terra e os emisores da nosa”. Pola súa banda, a directora do Teatro Principal de Ourense e directora destas Xornadas, Olga Mojón, explicou que esta trixésimo cuarta edición conta cun orzamento de 147.500 euros “distribuídos en partidas de pagos aos grupos, aloxamento e manutención, transporte…”.

Pola súa parte, o director artístico, Xulio Fernández, fixo un repaso polo calendario. Así, a primeira xornada, 7 de agosto, será a Cerimonia de Apertura no Teatro Principal de Ourense ás 20:30 horas. O martes 8 o festival trasladarase a Bande e Trives. O día 9 de agosto será a quenda do Barco e Manzaneda. O xoves, 10 de agosto, as compañías serán recibidas na Deputación e logo irán até O Carballiño e Maceda. Para o venres 11, os concellos de A Rúa e Allariz recibirán o festival e, ao día seguinte, trasladaranse até Celanova e Viana do Bolo. O domingo 13 estarán en Castro Caldelas e Xinzo de Limia e o día 14 en Entrimo e Verín. Finalmente, o martes 15, farán un desfile pola capital ás 20:30 horas e logo o festival na Praza Maior, ás 23:00. A vila encargada de pechar estas Xornadas de Folclore será Ribadavia no Auditorio do Castelo ás 23:00 horas.

Olga Mojón, Rosendo Fernández e Xulio Fernández. // Foto: Carlos Asensio.

Segundo explicou Fernández, en cada unha das localidades haberá seis espectáculos, a excepción de Ourense e Ribadavia que serán un total de 12. O director artístico salientou a presenza do grupo de Yakutia “a rexión máis fría do mundo”, asegurou. Aínda que salientou que todos os espectáculos salientaban pola súa “grande calidade” e que eran obras corais entre música, escena, iluminación e danza.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button