“Comunícovos a miña decisión é de non presentarme como candidato á alcaldía e, polo tanto, como candidato para participar nesas primarias que o PSOE e, polo tanto, non ser candidato ás eleccións do ano 2015”. Deste xeito o alcalde de Ourense, o socialista Agustín Fernández, anunciaba en rolda de prensa a súa intención de non optar a alcaldía de Ourense na mañá do 19 de setembro.
Aseguraba que se trata dunha decisión persoal e que oito anos no goberno municipal (dende o 2007 ata o 2015) é suficiente. Chega á alcaldía tras a demisión do anterior rexidor, Francisco Rodríguez, debido á Operación Pokemon.
Tamén explicaba Fernández que “a partir de hoxe” márcase como obxectivo “culminar todos aqueles proxectos que aínda están pendentes dese inmenso traballo que levamos a cabo nestes últimos anos e que eu espero concluír”.
Na súa intervención amosaba o seu agradecemento aos compañeiros no goberno e destacaba que se “sinte orgulloso do paso pola política, e non me arrepinto. Pero quizais esa sexa unha valoración que hai que facer dentro duns meses, non hoxe, porque aínda queda moito por facer, queda moito por traballar, hoxe é unha rolda de prensa, máis non é a última”.
Asemade adiantaba a súa neutralidade no proceso de primarias que proximamente levará a cabo o PSOE na cidade. “Quero garantir a miña neutralidade xa que son todos os afiliados os que democraticamente deben elixir nesas primarias ao candidato á alcaldía de Ourense por parte do PSOE”.