Comezan os preparativos para a décimo novena edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O certame, que repartirá un total de 17.000 euros en premios nas diferentes categorías en competición, celebrarase entre os días 15 e 23 de novembro.
A Xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobaba o 27 de marzo as bases deste concurso. A partir de aí farase a convocatoria de carácter internacional, que consistirá en “espallar as bases do 19 OUFF por todo o mundo e facer un chamamento ás principais produtoras e distribuidoras independentes”, segundo se informa dende o Concello. Na pasada edición deste certame recibíanse 215 filmes de 44 países diferentes.
O prazo de inscrición pecharase este ano o 1 de setembro. Dende ese momento, un comité de visionado traballará para elaborar unha proposta para o director de programación e a organización do festival. Ao mesmo tempo, con todo o material recibido iranse perfilando os diferentes ciclos paralelos desta edición.
A selección oficial a concurso está dirixida a películas de ficción, tanto de imaxe real como animada, que superen a hora de duración e estean producidas neste ano ou no pasado, non sendo estreadas comercialmente nin en calquera das plataformas dixitais de pago por visión.
Texto: O Sil/Redacción Foto: Carlos G. Hervella