EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Viño e música fusiónanse na Feira de Amandi

Carlos Núñez, pregoeiro da mostra, actuaba na tarde do 12 de abril no Santuario de Cadeiras (Sober)

Sober vén de culminar o seu Mes do Amandi coa celebración nesta fin de semana de Ramos da súa XXXIV Feira do Viño. Os caldos de ata 20 adegas desta subzona da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra podían degustarse nun ateigado recinto feiral, situado no centro de Sober, e animado na tarde do sábado 12 de abril e na mañá do día 13 polo delicioso son da Banda de Música de Sober.

Ademais, o sábado pola tarde o Santuario de Cadeiras acollía unha das citas máis agardadas do programa: a actuación do gaiteiro Carlos Núñez. Ao redor das oito comezaba un recital moi especial no que fixo un repaso pola súa traxectoria musical, mesturando pezas galegas con outros sons de países como Bretaña, Irlanda, Brasil ou Cuba, e no que non faltaron referencias aos Chieftains. Nel logrou conectar cun público entregado e mesmo subíu ao escenario ao párroco de Pinol, Don José.

Ao día seguinte, Domingo de Ramos, Carlos Núñez deixaba a un lado a gaita, pero non a música, porque dela falaba, relacionándoa con Sober e co viño, no pregón deste certame vitivinícola que concluía coa entrega dos premios aos adegueiros e coa actuación da orquestra Los Satélites, xa pola tarde.

Texto: A.R. Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button