ConcellosOurenseÚltima hora

105 prazas en campos de traballo en cinco concellos ourensáns

A conselleira de Traballo e Benestar asinaba en Ourense o 21 de abril cos concellos os respectivos protocolos de colaboración
Momento da sinatura dos protocolos en Ourense.
Momento da sinatura dos protocolos en Ourense.

Medioambiente, o patrimonio natural e arqueolóxico e o ámbito social. Serán as temáticas en torno ás que xirarán os campos de traballo que ao longo do verán se desenvolverán en cinco concellos da provincia de Ourense: Riós, Muíños, Celanova, A Peroxa e Vilar de Barrio. Serán organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, van destinados a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e contarán con 105 prazas.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinaba o 21 de abril os respectivos protocolos de colaboración cos rexedores destes municipios, nun acto no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Mato destacou a importancia destas iniciativas dado que promoven as accións voluntarias, a participación da xuventude na sociedade e a mobilidade, ademais de ser unhas “excelentes ferramentas” de educación non formal.

No concello de Vilar de Barrio o campo de traballo centrarase no uso de materiais ecolóxicos para a construción, segundo a información facilitada dende a Consellería de Traballo. Ademais, os voluntarios participarán na vixilancia forestal da Serra de San Mamede. Pola súa banda, o de A Peroxa terá dúas bases esenciais: a conservación e mellora da contorna natural e a dinamización das residencias de maiores e centro de día da Asociación Morea. O campo de Riós ensinará aos participantes o cultivo dos soutos, así como o aproveitamento dos castiñeiros e as castañas como elemento gastronómico.

En Muíños, os voluntarios contribuirán á recuperación da aldea de Salgueiro como recurso etnográfico e natural no parque da Baixa Limia- Serra do Xurés. Xa por último, o de Celanova centrarase no eido audiovisual. Nel ensinarase a teoría da redacción do guión, rodaxe, produción e montaxe, así como tamén se centrará na práctica, a través da realización dunha curtametraxe.

O prazo de inscrición para estes campos de traballo ábrese o 23 de abril. As actividades terán lugar nos meses de xullo e agosto, e celebraranse en quendas de entre 12 e 15 días.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button