ConcellosÚltima hora

A Fegamp terá 1,13 millóns de euros de orzamento no 2014

O Consello Federal deste organismo aprobábao en Santiago a finais de abril
Un dos momentos do Consello Federal da Fegamp.
Un dos momentos do Consello Federal da Fegamp.

O orzamento da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o 2014 será o máis austero da última década. O Consello federal desta entidade aprobábao por unanimidade na mañá do 23 de abril. En total ascenderá a 1,13 millóns de euros, o que supón unha contía un 3,27% inferior á do exercicio anterior. É unha redución “en sintonía coa que están a facer a inmensa maioría dos concellos galegos nas súas propias contas”, dicía o presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey.

Durante a súa intervención ante os alcaldes integrantes do Consello Federal, Rey quixo pór en valor a actuación da Fegamp no proceso de reforma da Lei de Bases de Réxime Local e insistiu na importancia de que o municipalismo se manteña unido á hora de defender as súas reivindicacións, “porque aí radica a súa forza”. Así, confirmou que os malos presaxios acerca das consecuencias negativas da reforma local “están a confirmarse día a día”.

Asemade no encontro tanto a Comisión Executiva como o Consello Federal abordaron a situación derivada da subida do canon de Sogama, que afecta a 296 concellos e que comezou a aplicarse no recibo deste mes. A Executiva rexeitou, cos votos dos alcaldes do PP, a celebración dunha Asemblea de carácter extraordinario para tratar este asunto.

Pola contra, si se alcanzou un acordo unánime para constituír, conxuntamente coa Xunta, unha mesa de traballo na que estudar o futuro mapa de residuos de Galicia. Igualmente, acordouse encargar de maneira externa un ditame xurídico independente que avalíe as posibles vías de solución á subida exposta por Sogama.

Por outra banda, a Executiva amosaban o rexeitamento frontal da Fegamp ao anteproxecto de reforma xudicial, no que se avanza a centralización dos xulgados nas capitais de provincia e danse pasos cara á desaparición da xustiza de proximidade. Os tres partidos representados (PP, PSOE e BNG) coincidiron en defender a actual estrutura de partidos xudiciais, xa que a súa desaparición dificultaría o acceso á xustiza de miles de cidadáns.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button