“A Rúa porá en marcha un servizo de rehabilitación”

Na recta final da súa primeira lexislatura, o popular Avelino García Ferradal pensa volver presentarse ás eleccións municipais na Rúa
O alcalde da Rúa, Avelino García Ferradal.

O alcalde da Rúa, Avelino García Ferradal.

Abordar a primeira fase do saneamento e abastecemento da vila, o enlace da N-120 e o futuro Centro de Saúde son os principais proxectos municipais para A Rúa. Os dous primeiros xa están practicamente resoltos, o terceiro, proxecto estrela do programa electoral do equipo de goberno, malia ir por bo camiño aínda está pendente, igual que o PXOM, polo que levan anos pelexando os diferentes dirixentes do Concello da Rúa. Ao fronte dende marzo de 2011, o popular Avelino García Ferradal confía en que “ao longo do ano esté aprobado”, facendo fincapé en que el sempre foi partidario de aprobalo e despois facer as modificacións pertinentes “porque temos as mans atadas” di.

A menos dun ano para rematar a lexislatura, García Ferradal fai balance da situación actual do concello e destes máis de tres anos como alcalde, asegurando que o máis satisfactorio ten sido poder facer algo polos veciños “estar con eles, saber o que pensan, o que necesitan, que ás veces son cousas sinxelas e dende a oposición non podías”. Como contrapartida, o máis difícil para Avelino, que tamén é presidente do Partido Popular local foi “afrontar a realidade do Concello” por iso, pensa presentarse novamente ás eleccións.
Como deputado provincial de Cultura e Educación, asegura que na provincia “Valdeorras ten peso economicamente, coa lousa, o viño… pero a nivel galego é a enorme descoñecida” laméntase, recoñecendo que “mentres sigamos vivindo dos votos isto non ten solución a non ser que gañaramos á costa en poboación” di, algo bastante improvable tendo en conta a tendencia ao envellecemento demográfico.

¿Que proxectos hai pendentes para desenvolver a medio prazo?
Hai dous que xa están ás portas. Un é a primeira fase de saneamento e abastecemento que hai uns días aprobou o Consello da Xunta e que creo que é fundamental. Non é unha obra que guste aos alcaldes porque queda soterrada pero os veciños ímolo notar. E despois está o enlace da N-120 que xa foi lanzado. O noso proxecto si estaba nos presupostos xerais do Estado e agora o que necesita é unha inxección económica e eu estou convencido de que se vai conseguir e que pronto teremos a licitación da obra.

¿En que situación está o Centro de Saúde? 
Ese é o proxecto estrela, polo que pelexamos sempre. Xa estamos coa reparcelación dos terreos e en breve sentarémonos cos propietarios e pecharemos definitivamente o tema. Está aprobado en pleno e levarémosllo á conselleira para que decida cando se pode facer. Mentres tanto, está en marcha poder facer o servizo de rehabilitación para A Rúa e a zona este (Larouco, Petín, O Bolo, Viana e Trives), na Rúa, algo que agora estase facendo no Centro de Saúde do Barco. Do que se trata é de repartir porque é un tema moi importante que se está aglomerando moito e está custando moitísimo levar ás persoas ata alí e serían moitos quilómetros de aforro. Ese servizo darase no Centro de Día (que está funcionando pero infrautilizado). O que falta é aportar algúns materiais que serán con cargo ao Centro de Saúde. Está previsto que antes de finalizar o ano esté en funcionamento.

¿Que hai do tema urbanístico? ¿Hai movemento no parque empresarial?
O PXOM está practicamente rematado. Xa temos o informe favorable de Patrimonio. Agora estamos coa memoria ambiental que practicamente está rematada e xa iremos a Santiago para liquidar o tema. Seguro que ao longo do ano terémolo aprobado. Con respecto ao parque, temos unha axuda de 150.000 euros dos que o Concello ten que poñer 30.000 e o resto a Xunta para o servizo de colectores. Aínda hoxe abrimos as plicas dunha parcela e están pendentes outras dúas. Ademais hai un pizarreiro que ten interese. Se sae ben penso que será moi bo para o concello e para el. E despois Autoneum este verán está aumentando máquinas para comezar con Renault, con perspectivas de ampliación para Mercedes. Saíndo deste momento de crise que está aí, ver que hai empresas que teñen interese, anima. Estamos aí, hai interese e iso é motivador.

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Especial Festas de Agosto do Periódico O Sil

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies