ConcellosÚltima hora

Arrancan as festas do Portal de Ribadavia 2014

As bandas de música centran a programación que se estenderá ata 9 de setembro
Na fachada do Castelo de Ribadavia terán lugar varias actuacións. /Foto: Carlos G. Hervella.
Na fachada do Castelo de Ribadavia terán lugar varias actuacións. /Foto: Carlos G. Hervella.

Coa actuación dos Bolechas na Casa da Cultura, hoxe 5 de setembro ás 18h, arrancan as festas do Portal de Ribadavia que se estenderán ata o martes 9 de setembro, incluíndo un amplo abano de actividades para tódolos gustos e idades.

Tamén hoxe venres, ás 20:45h. actuarán no Auditorio do Castelo tres bandas: a infantil Luis Costas (Ribadavia), a de gaitas do Carballiño e a de gaitas Os Trabazos (Castro Caldelas), rematando a xornada coa actuación na praza Maior de Boletus Love.

Tras esta previa, será mañá 6 de setembro cando comecen as festas oficialmente. Farano ás 12h. cunha tirada de fogos que darán paso ao desfile de xigantes e cabezudos acompañados pola banda de gaitas Virxe do Portal polas rúas da vila. Pola tarde, un novo pasarrúas da banda de gaitas dará paso ao concerto da banda municipal de Arbo no auditorio do Castelo (20:45h.), e unha hora despois ao Festival de Música Electrónica na fachada do Castelo que contará coas actuacións de: Splash (classic session), dj Chaco, 808 Project & Jazzman e Guilly de Melo, e dj Neil. Noutro punto do pobo, a praza Maior, actuará o grupo La Franga, mentres que o grupo 33 RPH (música dos 80’s) farao no cruce das rúas Salgado Moscoso e Progreso.

O día seguinte, domingo 7 de setembro, de novo haberá pasarrúas e actividades para os nenos, centrándose a xornada festiva, na VIII Xuntanza de Bandas de Música no auditorio do Castelo ás 20:45h. Actuarán La Lira de Ribadavia e Banda de Maestros Lupi de Benavente. Para as 23h. está prevista a confección por parte da Asoc. de Mulleres Rurais de Ribadavia da alfombra floral na fachada do Castelo, e a actuación da orquestra Principal.

Así, Ribadavia chegará ao día grande das festas, o luns 8 de setembro, coa recepción de autoridades na Casa do Concello, seguida polo pasarrúas da banda de música La Lira e a procesión da Nosa Sra. do Portal seguida pola misa harmonizada pola coral polifónica Ecos do Avia. Pola tarde, María do Ceo dará un concerto no auditorio do Castelo, pechando a xornada a actuación da orquestra Compostela en sesión de tarde e verbena, e unha tirada de fogo fixo e voador.

O derradeiro día das festas, o martes 9 de setembro, arrancará co pasarrúas da banda Sociedade Musical de Arcos de Valdevez ás 17h. cunha misa prevista para as 18:30h. cantada pola coral polifónica do Clube Artístico. Ás 20h. terá lugar o concerto estelar de fin de festas no auditorio do Castelo a cargo da Sociedade Musical de Arcos de Valdevez dirixida por Gil Magalhaes.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button