CulturaCultura

Clausúrase o curso audiovisual de Celanova

No encontro analizouse o percorrido do cinema galego dende a estrea de “Urxa”, “Continental” e “Sempre Xonxa”
Acto de entrega de diplomas na clausura do curso.
Acto de entrega de diplomas na clausura do curso.

Na mañá do 18 de xullo clausurábase do XI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova titulado “O audiovisual galego: 25 anos de presente”, que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad.

Na cuarta e última xornada deste encontro, que tiña lugar no Auditorio Ilduara de Celanova, participaba asemade o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, que compartiu con representantes do sector unha mesa redonda para abordar o tema “Onde está e cara a onde vai o audiovisual galego”. Logo, os alumnos de Comunicación Audiovisual proxectaron o cuarto e último capítulo da web serie “O interfecto” no marco do taller audiovisual “Celanova, plató de ficción”.

O curso remataba coa a entrega de diplomas por parte do titular do departamento de Cultura e Educación e o director do curso, Miguel Anxo Fernández. No acto tamén estiveron presentes, o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; o presidente da Fundación Carlos Casares, Javier Casares; e o alcalde de Celanova, José Luís Ferro.

Como un curso de verán de extensión universitaria, a actual edición desenvolveuse ao longo de catro xornadas, nas que tivo un protagonismo especial a longametraxe e a súa versatilidade actual, así como os formatos e xéneros máis alternativos e de baixo custe. En referencia ao lema deste ano, lembráronse ademais as tres películas realizadas en 1989 coas que se iniciou a andaina do cinema en galego: “Urxa”, “Continental” e “Sempre Xonxa”.

Dende o martes 15 de xullo ata o día de hoxe, o XI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova acolleu xornadas intensivas nas que se trataron diferentes temas centrados no panorama audiovisual galego. Así, ponse fin a esta undécima edición que foi organizada pola Fundación Carlos Casares, a Universidade de Vigo a través da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Deputación de Ourense e o Concello de Celanova; e contou coa colaboración da AGADIC, da Televisión de Galicia e da Facultade de Ciencias Socias e de Comunicación de Pontevedra.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button