En portada

Colleitando o ouro máis doce

Case a metade das colmeas galegas están en Ourense, unha das provincias con máis incoporacións ao sector
Un dos colmeares valdeorreses./ Foto: Carlos G. Hervella
Un dos colmeares valdeorreses./ Foto: Carlos G. Hervella

Galicia produce máis de 1.200 toneladas de mel ao ano. Con 3.738 explotacións apícolas, é a segunda comunidade española en número de produtores, despois de Castela e León e á par de Andalucía, segundo a Consellería do Medio Rural. Estímase que na provincia de Ourense hai uns 900 apicultores e unhas 45.000 colmeas. É unha das provincias galegas, xunto con Lugo, onde máis mel se produce e de mellor calidade. Nela sobresaen comarcas como as de Valdeorras, Viana do Bolo ou Verín.

A Galicia interior é asemade a zona onde máis está medrando o sector apícola. Así se recolle nos datos que a Asociación Galega de Apicultura (AGA) publicaba no número de marzo deste ano do Correo Apícola. No 2013 houbo un forte incremento da apicultura en Galicia, tanto en número de abelleiros como en número de colmeas. Este aumento fala dun interese crecente da xente nova pola apicultura, unha actividade que ademais de contribuír a manter e mellorar a riqueza do noso medioambiente pode chegar a ser, nalgúns casos, unha importante alternativa de incorporación ao mercado laboral”.

Ademais son cada vez máis as persoas xoves atraídas pola apicultura e pola súa rendabilidade. “É certo que necesitamos un relevo xeracional, que hai persoas moi maiores que van deixando a explotación, pero tamén notamos máis incorporación de xente nova e, ademais, cun número de colmeas interesante, é dicir, estanse profesionalizando”, comenta Ester Ordóñez, presidenta da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia e veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, con sede en Barbadás (Ourense).

Viana do Bolo é unha das zonas de Ourense onde máis xente se está decantando pola produción de mel de forma profesional. “Aquí a apicultura é unha actividade tradicional, se ben nos últimos anos si que tivo un realce importante con explotacións que foron aumentando de tamaño e ademais incorporouse moita xente nova ao sector”, indica Secundino Fernández, técnico da Oficina Agraria Comarcal de Viana do Bolo.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel de xuño do Periódico O Sil)

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button