Con crecidas e desbordamentos

Despois do 2001, este ano está sendo o máis chuvioso dos últimos tres lustros na conca Miño-Sil
O río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense.

O río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense.

Un día si, e outro tamén. As continuas borrascas veñen marcando a meteoroloxía dos últimos dous meses. Ata tal punto que o pasado xaneiro converteuse no mes cun maior número de días de choiva na comunidade galega dende que hai rexistros. “Na Coruña, Ourense, Santiago e Pontevedra superouse o máximo histórico de días de chuvia (≥1 L/m2). Na cidade das Burgas este número foi o dobre do valor climático normal, mentres que na Coruña, con 27 días de chuvia, superouse o máximo histórico de 1943, situado en 26 días”, segundo se informa dende a Consellería de Medio Ambiente.

Tamén as cantidades de choiva estiveron por riba do dobre esperado nas principais cidades galegas, se ben “non se chegou a superar os máximos históricos que en numerosos lugares foron rexistrados en xaneiro do 2001. No conxunto de Galicia, as precipitacións foron un 80% superiores aos valores normais”, segundo os datos que manexa a consellería. Ademais no conxunto galego as precipitacións foron un 80% superiores aos valores normais e “o número de días nos que choveu máis de 1 L/m2 moveuse entre os 22 en zonas do interior e os 28 na costa atlántica”.

Nesta mesma liña, o informe climatolóxico de xaneiro de 2014 de Meteogalicia sobre Ourense conclúe que “a precipitación rexistrada é moi superior ao rango de valores normais, resultando un mes moi húmido” e no que “o número de días de chuvia acadou o valor máximo da serie con máis do dobre de días, con respecto ao valor climático normal”.

Tantas xornadas seguidas de precipitacións tiveron o seu reflexo en ríos, encoros e regatos. Tamén afectaron ao agro nalgúns puntos do territorio ourensán. Producíronse crecidas importantes e mesmo episodios de alerta en determinados cauces da conca Miño-Sil. “Na provincia de Lugo houbo desbordamentos importantes en toda a zona da Terra Chá e, no caso da cidade de Ourense, estivemos en nivel de activación e de prealerta, pero non chegamos ao código vermello de alerta. Para poder entendelo, a referencia da prealerta no caso desta cidade é cando a auga invade a pista vermella que hai por debaixo do centro comercial. En estado de alerta estaríase cando se chega á propia estrada N-120, á entrada do centro comercial. A isto non se chegou dende o ano 2001”, explica o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín.

Outra das zonas máis afectadas foi a do río Avia, xa que “Ribadavia estivo en situación de alerta, de activación e de prealerta na maioría dos episodios, pero o feito de que a presa de Albarellos estivese bastante baleira, permitiu que, co seu efecto de enchido, non se teña inundado máis do que se inundou na vila de Ribadavia”, continúa Francisco Marín.

Tamén na subconca do Támega, pertencente á Confederación Hidrográfica do Duero, se rexistraron situacións semellantes dende primeiros de ano. Así o 3 de xaneiro este organismo de conca xa informaba de importantes incrementos no cauce en Rabal, que se complicaban en febreiro onde, por exemplo, o día 10 no Támega rexistrábase un nivel de 3,28 metros e un caudal de 175,4 m3/segundo (a referencia da alarma está 2,75 metros de nivel e nun caudal de 126 m3/s).

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A información íntegra pode lerse na edición en papel de marzo do Periódico O Sil).

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies