ConcellosÚltima hora

Das procesións aos concertos, en Trives

A vila celebra as festas do Cristo e da Dolorosa na segunda e na terceira fin de semana de setembro
Procesión do Cristo en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.
Procesión do Cristo en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

A localidade da Pobra de Trives entra xa de cheo nas datas grandes das súas patronais, na honra ao Cristo e á Dolorosa, os días 13, 14, 20 e 21. Como xa pasara coas festas de San Bartolo, este ano é unha comisión formada por un grupo de amigos e empresarios de Trives, a que se encarga da programación.

Un programa que arrancará o sábado 13 de setembro en torno ás dez e media da mañá, cunha potente tirada de bombas de palenque, espertando aos veciños e anunciando aos visitantes que comezan os festexos. A partires dese momento, a charanga Nova Terra de Trives percorrerá as rúas da vila, animando coa súa música aos viandantes e creando ambiente lúdico.

Aínda que doutro estilo, a música regresará pola tarde da man da orquestra Royal que será a encargada de amenizar o baile en sesión de tarde e verbena, ata ben entrada a madrugada. A Royal Orquestra de Galicia nacía este mesmo ano da man de membros da antiga Sintonía de Vigo que decidían embarcarse nun novo proxecto, ampliando o seu plantel a tres grandes músicos máis, conxugando a frescura dun novo nome e a experiencia dunha formación famosa e distinguida. O seu obxectivo era continuar sendo unha orquestra centrada no baile, e manter os valores e a tradición da Sintonía de Vigo.

Despois do primeiro pase da orquestra, chegará outro acto importante nas festas de Trives, a tirada de fogos artificiais dende o campo de fútbol do Agro, iluminando o ceo con fermosas e chamativas formas. Ao remate, comezará o segundo pase da Royal Orquestra, que non rematará ata ben entrada a madrugada.

O domingo 14 de setembro, día do Cristo, será a Banda de Música de Ramirás a que se encargue de facer o pasarrúas polo pobo para anunciar a chegada do día grande das festas. Para as 12h. está previsto un dos actos máis esperados polos devotos do Cristo, a procesión coa súa imaxe polas rúas de Trives, encabezada polos membros da cofradía, que rematará de novo na igrexa parroquial onde se celebrará a eucaristía.

Pola tarde, en torno ás sete, a Banda de Música de Ramirás dará un concerto na praza do Pilón e xa pola noite, a partires das 21h. a orquestra Ledicia (pola que pasaron numerosos músicos dende a súa fundación no ano 1975) subirase ao escenario para facer bailar aos veciños e turistas que decidan achegarse ata Trives na segunda fin de semana do mes de setembro.

A seguinte cita será na honra á Virxe das Dores, popularmente coñecida como Dolorosa, cuxa honomástica é o 15 de setembro pero que dende hai moitos anos celebran o seguinte domingo despois do Cristo, sendo unha data que varía duns anos a outros.

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Festas setembro de O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button