Descubrir a Galicia interior dende o tren

É necesario que a sociedade e, en especial a máis próxima ao sector turístico, se involucre nos proxectos de dinamización da Galicia interior, senón non triunfarán

Da combinación de ferrocarril e recursos turísticos nace “Galicia a todo tren”. É un novo produto turístico que se presentaba o 23 de xaneiro no marco da XXXIV Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid, pola que nesta edición pasaron máis de 220.000 persoas. A iniciativa baséase na boa acollida que tiveron dúas rutas en tren que se poñían en marcha o pasado verán na costa galega (a dos faros e a dos pazos e xardíns). Nesta ocasión dase un paso máis e apóstase por outras cinco rutas que teñen como fío temático as denominacións de orixe galegas de viños. Delas, catro discurrirán pola provincia de Ourense: Ribeira Sacra, Ribeiro-Rías Baixas, Monterrei e Valdeorras-Ribeira Sacra. Estas rutas en ferrocarril dun día de duración nacen froito dun convenio asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia e Renfe en colaboración co Inorde, no que tamén se contempla o Galicia Rail Pass, Peregrinación de Asís a Compostela, o Train and Breakfast Camiño de Santiago e Al-Ándalus.

A esta nova iniciativa turística, que comezará a funcionar no verán, adicamos o tema de En Portada desta edición de febreiro, na que damos conta da presenza e participación ourensá en Fitur, onde se presentaron eventos ourensáns de carácter internacional como a mostra Xantar ou Termatalia (cuxa vindeira edición se celebrará na Arxentina. Ademais o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra presentaba o seu novo material promocional e aproveitaba o certame para anunciar a posta en marcha da candidatura para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

Neste número de febreiro conversamos tamén cun dos músicos vascos máis internacionais, Kepa Junkera, que entra de cheo na música tradicional galega no seu último disco, Galiza, que se acaba de publicar. Para a súa carátula escollía algunhas das máscaras máis ancestrais do Entroido da Galicia interior.

E falamos ademais de viticultura, con novas como a presentación dun estudo sobre o tostado en Valdeorras, ou de lousa, xa que no sector comezan as negociacións do covenio colectivo.

Tamén adiantamos algunhas das citas festivas de referencia neste mes de febreiro, que comeza coa Festa do Chourizo de Vilanova (Trives) e continúa con celebracións como Xantar en Expourense (do 5 ao 9 de febreiro) ou co San Francisco Blanco. Tamén chega a campaña dos Namorados, na que O Barco CCA proxecta diversas actividades, entre as que figura unha carreira por parellas.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies