ConcellosÚltima hora

Do Teatro Lauro Olmo á torre da fortaleza do Castro

O programa “De perto” ofrece unha ducia de propostas culturais que permiten descubrir algúns dos espazos máis singulares do Barco durante o verán
Acto de presentación do programa "De Perto", no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez
Acto de presentación do programa “De Perto”, no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez

O Barco despregará do 13 de xuño ao 18 de xullo un amplo abano de propostas culturais no marco do programa “De perto”, que engarza lugares singulares deste municipio con creadores da zona ou relacionados con ela. “Pon en valor espazos do noso concello de gran beleza e que moitas persoas descoñecían”, aseguraba o concelleiro de Cultura do Barco, Eduardo Ojea, xusto antes de desglosar o seu contido na presentación que tiña lugar na mañá do 10 de xuño:”teatro, performance, cinema, música, música coral… Nesta segunda edición do programa tentamos darlle unha serie de posibilidades máis amplas e esperamos que á xente lle guste”.

Trátase dunha ducia de actos que se desenvolverán en diferentes escenarios, boa parte deles exteriores. O nexo, “o punto de unión de todos eles é a posta en valor da rehabilitación da fortaleza do Castro, que é a imaxe que escollimos para os cartaces. Ese vai ser o noso referente e alí vai ter lugar a fin de festa o 18 de xullo”, adiantaba o edil de Cultura.

Comezarase no Teatro Lauro Olmo o 13 de xuño da man dunha vangardista proposta escénica: un “documental teatralizado/performance”, titulado “O Estado salvaxe. Espanha 1939”, obra de Pablo Fidalgo Lareo. Partindo de películas familiares dos anos 50 aos 80, o autor reescribe a historia da súa familia e desa época convertindo en protagonista á súa avoa, Mercedes Fernández, que é natural de Veigadecabo (O Barco). “Ela interpreta ou lee unha carta que escribe ás súas netas. Parécenos unha proposta de impacto e quixemos que fose a apertura de “De perto” xa que é unha historia de proximidade pola súa protagonista e porque son historias comúns a todas as mulleres”, explica o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo.

A seguinte etapa do programa pon de relevo a figura do dramaturgo barquense Lauro Olmo, coincidindo co 20 aniversario da súa morte. De novo o Teatro Lauro Olmo acollerá varias citas: o 19 de xuño (20h.) a apertura dunha exposición da colección de Ángel Fernández sobre este autor xunto coa proxección do documental “Desde abajo, la dignidad de un escritor” e o 20 de xuño (21h.) o espectáculo poético-teatral “Un neno do Sil”, con guión e dirección de Pilar Alonso. “Serán dous días adicados a Lauro Olmo”, continuaba Docampo, quen anunciaba tamén a instalación dun panel permanente no auditorio barquense lembrando a figura deste escritor e a súa relación co Barco.

A partir do 26 de xuño ás actuacións pasarán a rúa da man de Ad Libitum no Parque do Chao, xa o día 27 coa Banda de Música do Barco na Praza Maior e o día 1 de xullo co grupo de saxofóns na Igrexa de San Miguel de Xagoaza. Todas serán ás 20:30h. O programa completarase con novas citas ata o 18 de xullo, data na que se celebrará un acto final con conferencias, narración oral e música durante a tarde-noite na vila do Castro.

“Podería parecer que este programa é unha continuación do iniciado o ano pasado, pero o certo é que é máis potente. Este ano poténciase con novas actuacións, grupos e lugares”, destacaba o alcalde do Barco, Alfredo García, durante a presentación.

Texto e foto: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button