En portada

Esperando recoñecemento oficial

Medra o fluír de peregrinos no Camiño de Inverno, ruta que atravesa as zonas de Valdeorras e Quiroga
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

A demanda da oficialización do Camiño de Inverno non é algo novo. Detrás dela hai case 15 anos de traballo, en boa medida promovido polas asociacións desta ruta existentes en Valdeorras e na Ribeira Sacra. Pero agora únense a elas os concellos, asociacións culturais e sectores como a hostalaría e o turismo.

Pensan que non se pode esperar máis e que o 2014 ten que ser o ano do recoñecemento desta ruta e así o manifestaban nunha xuntanza celebrada o 13 de decembro no parador de Monforte de Lemos. “Pareceunos oportuno escenificar a unión de todos (O Bierzo, Valdeorras, Ribeira Sacra lucense e Deza), amosar que estamos aí, ante a expectativa de que a oficialidade se faga xa, que non estamos de brazos caídos, senón esperanzados de que se logre canto antes”, comenta Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

Ese parecer plasmouse nun escrito, asinado pola maioría dos presentes, que se lle vén de enviar ao presidente da Xunta de Galicia e ao conselleiro de Cultura. Nel tamén se solicita “a oficialización do Camiño de Inverno sen máis demoras”. Unha semana despois, as catro asociacións do Camiño de Inverno reuníanse novamente, desta volta no Pazo do Castro (O Barco), e do encontro saían catro conclusións: a importancia de sumar esforzos entre estas entidades, resaltar a grande riqueza que comporta este camiño xacobeo para as zonas por onde pasa e insistir ante a Xunta na oficialización da ruta marcando prazos.

Hai apenas un lustro, este camiño era totalmente descoñecido para os peregrinos, pero dende o 2010 a situación comezou a mudar. Hoxe, constátase o continuo fluír de persoas que escollen esta variante para chegar a Santiago. Boa parte delas son estranxeiras e de múltiples países: Australia, Canadá, Xapón, Corea, Alemaña, Francia, Italia, Inglaterra, Estados Unidos, etc. A ruta posúe, polo tanto, un potencial cultural e económico de suma importancia que se reforzaría co seu recoñecemento.

Malia que en decembro do 2009, e tamén en febreiro de 2013, o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade instar ao goberno galego ao “inmediato recoñecemento oficial do Camiño de Inverno” como ruta xacobea, as comarcas polas que pasa aínda esperan por esa oficialización.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close