A concellería de Medio Ambiente, Sanidade e Educación do Barco de Valdeorras, vén de presentar unha nova edición da mostra do Festival de cine e medio ambiente que se desenvolverá entre o 22 de xaneiro e o 12 de febreiro, ás 20h. Trátanse dunha selección de películas a nivel mundial con interese tanto a nivel ambiental como de denuncia, feita por Ficma, o Festival de cine e medioambiente de España.
En total son sete os filmes que se proxectarán no Teatro Lauro Olmo do Barco, ao longo de catro semanas. Os primeiros, o mércores 22 de xaneiro serán “Silent snow” e “A terceira revolución”. O 29 de xaneiro tocaralle o turno a “Watershed” e “Stuff everywhere”. E xa en febreiro, o mércores día 5 proxectarase “A margem do xingu” e o 12 “As novas enerxías” e “Auga, un recurso vital”, estas dúas, serie de curtametraxes orientadas á poboación infantil.
Tal como explicou o concelleiro de Medido Ambiente Aurentino Alonso, “imos adicar un día aos colexios para que podan traer aos nenos”, convidando asemade a toda a poboación a que asista ás proxeccións que serán de balde. Segundo o propio concelleiro, do que se trata con este tipo de actividades “é de concienciar á xente da situación que viven noutros pobos. Situacións xeradas, en ocasións, por obras que pretenden facerse e que ao final xeran problemas medioambientais, escaseza de materias primas, alimentos, etc”.
De forma paralela, o Teatro Lauro Olmo acollerá asemade, dúas exposicións itinerantes propiedade do Centro Nacional de Educación Ambiental do Ministerio de Agricultura. Unha títulase “Desarrollo soste…qué?” que fai referencia ao impacto humano na natureza, perda de biodiversidade, sobreexplotación de recursos, e condicions sociais da población; e a outra “Hogares verdes, vivir con menos”, que trata de concienciar á xente do autocontrol no consumo domestico de auga e enerxía, da cesta da compra, etc.
Texto e foto: Mónica G. Bellver