ConcellosOurenseÚltima hora

Nace en Ourense o I encontro “Bonecos do Atlántico”

O festival de títeres, xigantes e cabezudos desenvolverase do 24 ao 28 de xuño
Detalle do cartaz de "Bonecos do Atlántico".
Detalle do cartaz de “Bonecos do Atlántico”.

Ata nove compañías de teatro de monicreques de diferentes puntos de Galicia e Portugal, así como agrupacións de cabezudos e xigantes procedentes de varias localidades galegas e lusas, estarán presentes dende mañá martes 24 de xuño e ata o sábado 28 (en plenas festas do Corpus), nas prazas e rúas da cidade, para participar na primeira edición do Encontro de títeres, xigantes e cabezudos de Ourense, un festival pioneiro en Galicia, dirixido ao público infantil, adulto e familiar, “co que se pretende recuperar a tradición dos bonecos nas festas populares” tal como e xplican dende o Concello ourensán.

As funcións de monicreques durante os cinco días, en horario de mañá e de tarde nos Xardíns de Padre Feijóo e de Bispo Cesáreo, correrán a cargo dos grupos galegos Títeres Mircromina, Marionetas Trécola, Fantoches Baj, Larraitz Urruzola e Títeres Cascanueces; e dos grupos portugueses Filandorra Teatro do Nordeste, Cia Fio d’Azeite, S.A. Marionetas Teatro & Bonecos e Títeres.

O sábado 28 de xuño, terá lugar o encontro de xigantes e cabezudos. A recepción está prevista para as 10h. na Alameda do Concello, onde tamén haberá instalados xogos populares para os máis pequebos. Pola tarde terá lugar o desfile, con saída dende a Alameda e chegada ao Parque de San Lázaro percorrendo a Avenida de Pontevedra e as rúas Lamas Carvajal e do Paseo.

No encontro participarán xigantes e cabezudos procedentes dos concellos galegos de Ourense, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Allariz e Celanova; e “gigantones” e bombos dos concellos portugueses de Braga, Palmela e Vila Real. Como recordo do festival, tódolos participantes recibirán unha estatuíña do “Bocas” (o personaxe ideado por Eduardo Blanco Amor para “A Esmorga” ) deseñada polo titiriteiro e escultor Luis Iglesias “Luchi”.

O encontro Bonecos do Atlántico “nace en Ourense neste 2014 para recuperar e poñer en valor esta tradición, co obxectivo de que volten os xigantes e cabezudos a desfilar polas vilas acompañados das funcións dos bonecos máis pequenos, os monicreques” conclúen dende o Concello.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button