CulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

O Valedor do Pobo recibe a visita dos embaixadores da Campaña Mundial pola Educación

Alumnos de centros de Viana, Tui, Ribeira e Compostela trasladaron as súas queixas a José Julio Fernández

É necesaria unha educación de calidade e inclusiva para todos e todas os nenos e nenas do mundo, se queremos crear sociedades solidarias, xustas e cooperantes. Esa é a mensaxe que os embaixadores e embaixadoras da Campaña Mundial pola Educación (CME) lle transmitían ao Valedor do Pobo José Julio Fernández e ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, no acto celebrado o 10 de abril.

A falta dun ano para o 2015, data fixada polos acordos de Dakar para lograr a educación para todos e todas en todo o planeta, aínda existen 57 millóns de nenos e nenas sen escolarizar. Por iso, a CME fai fincape no dereito de tódalas persoas con necesidades educativas especiais a recibir educación para o seu desenvolvemento persoal e social, “no plantea hai 93 millóns de nenos e nenas con discapacidade, a gran maioría non reciben unha educación axeitada ás súas necesidades e moitos tan sequera van ao colexio” explican dende educación sen fronteiras.

Con estes datos, os alumnos e alumnas dos centros CEIP Nº 2 de Tui, Amigos de Ribeira, CEIP López Derreiro de Compostela e IES Carlos Casares de Viana do Bolo, mostraron, como embaixadores da Campaña Mundial pola Educación, os seus traballos de reflexión ante o Valedor do Pobo: murais, bandas deseñadas, debuxos e queixas escritas coas firmas dos seus compañeiros, máis de 3. 000 alumnos e alumnas galegos que cada ano traballan esta Campaña.

O Valedor José Julio Fernández, explicou aos rapaces o funcionamento da institución que representa, afirmando que o seu traballo “sempre será o de defender os dereitos da cidadanía galega e especialmente a dos nenos e nenas pola súa maior vulnerabilidade”.
Como agasallo, os nenos e nenas asistentes ao acto na sede do Valedor do Pobo, entregáronlle un paraugas multicor con dobre significado. Por unha banda as capacidades dos alumnos que del colgaban e que sumadas sempre teñen máis forza. Por outro lado, os chaparróns dos recortes políticos incompatibles cos desexos dos embaixadores e embaixadoras, que o paraugas aínda terá que soportar.

O acto “Sumemos capacidades polo dereito a unha educación inclusiva” concluía coa lectura do manifesto e a foto con tódolos asistentes.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button