ConcellosOurenseÚltima hora

Perfilando a nova edición do OUFF

O 19 Festival de Cine de Ourense repartirá 17.000 euros en premios en novembro
Un dos actos da pasada edición do certame.
Un dos actos da pasada edición do certame.

Comezan os preparativos para a décimo novena edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O certame, que repartirá un total de 17.000 euros en premios nas diferentes categorías en competición, celebrarase entre os días 15 e 23 de novembro.

A Xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobaba o 27 de marzo as bases deste concurso. A partir de aí farase a convocatoria de carácter internacional, que consistirá en “espallar as bases do 19 OUFF por todo o mundo e facer un chamamento ás principais produtoras e distribuidoras independentes”, segundo se informa dende o Concello. Na pasada edición deste certame recibíanse 215 filmes de 44 países diferentes.

O prazo de inscrición pecharase este ano o 1 de setembro. Dende ese momento, un comité de visionado traballará para elaborar unha proposta para o director de programación e a organización do festival. Ao mesmo tempo, con todo o material recibido iranse perfilando os diferentes ciclos paralelos desta edición.

A selección oficial a concurso está dirixida a películas de ficción, tanto de imaxe real como animada, que superen a hora de duración e estean producidas neste ano ou no pasado, non sendo estreadas comercialmente nin en calquera das plataformas dixitais de pago por visión.

Texto: O Sil/Redacción Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button