ConcellosÚltima hora

Reanúdanse as concentracións en defensa dos xulgados do Barco

Dende a Plataforma en defensa do Partido Xudicial de O Barco barállase organizar unha manifestación a mediados de setembro
Algúns dos participantes na concentración de defensa dos xulgados do Barco.
Algúns dos participantes na concentración de defensa dos xulgados do Barco.

Tras o parón de agosto, a Plataforma en defensa do Partido Xudicial do Barco, creada no pasado mes de xullo, vén de retomar as súas mobilizacións. Ao redor dun cento de persoas concentrábanse diante dos xulgados no mediodía do xoves 4 de setembro para protestar contra o proxecto de Lei orgánica do Poder Xudicial que supón a desaparición destes xulgados barquenses e de todos os partidos xudiciais da provincia, agás os da capital.

En referencia ás declaracións que o ministro de Xustiza e o presidente da Xunta de Galicia facían a mediados de xullo sobre este tema e nas que se indicaban que os partidos xudiciais non ían desaparecer, un voceiro da plataforma explicaba que se lle pediu a nota de prensa íntegra ao Ministerio de Xustiza e que, do seu contido, conclúese que “non é certo que a situación teña cambiado. O único que se di nesa nota é que os partidos xudiciais non desaparecen como tales, que se manterían pero cun único tribunal de instancia con carácter provincial na capital de provincia. Polo tanto, aínda que se segue falando de que existen partidos xudiciais, éstes só son a efecto de reparto de asuntos e algo etéreo que está aí, pero sen competencias en definitiva, porque se supón que os xuíces van a estar en Ourense e o persoal tamén. E isto é o que nos obriga a seguir mantendo a nosa reivindicación”.

Así as concentracións continuarán todos os xoves ao mediodía. Asemade anunciouse que a comisión permanente da plataforma valorará a posibilidade de organizar unha manifestación a mediados de setembro en protesta pola supresión dos partidos xudiciais.

Foto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button