ConcellosÚltima hora

Segunda cita do ano en Fontei (A Rúa)

Fontei acollerá as festas na honra a San Antonio do 13 ao 15 de xuño, coa cea popular o sábado
Procesión na honra de San Antonio de Padua en Fontei (A Rúa).
Procesión na honra de San Antonio de Padua en Fontei (A Rúa).

Así cada 13 de xuño á saída da misa, mentres a charanga entona o seu alegre repertorio, os veciños e visitantes que se achegan ata a praza Enriqueta Casanova de Fontei, prepáranse para mercar doces. Son as famosas “roscas casamenteiras de San Antonio” que logo de acompañar á imaxe do santo polo pobo (en cestas levadas por un grupo de mozas) e de ser bendecidas polo párroco, son postas á venda para todo aquel que queira buscar parella e non quedar solteiro.

Ese acto tan tradicional como chamativo terá lugar o día grande das festas de San Antonio en Fontei (venres día 13) como parte do programa, organizado pola comisión de festas.

Unha tirada de bombas de palenque anunciarán ben cedo o comezo do día no que se conmemora a festividade de San Antonio que este ano non é festivo local na Rúa, continuando cun pasarrúas a cargo da charanga Nova Terra de Trives, a mesma que acompañará a procesión polas rúas de Fontei, un dos momentos máis esperados polos fieis de San Antonio, prevista para as 12:30h.

Nese momento, a imaxe do Santo (invocado para atopar obxectos perdidos e tamén parella), representado iconograficamente cun neno en brazos, será levada a ombros por veciños do pobo que se irán turnando de catro en catro. Detrás, as mozas coas cestas cheas de rosas, nenas vestidas cos traxes rexionais… e a continuación os centos de devotos que seguen a figura de San Antonio ata rematar de novo na igrexa parroquial Nosa Señora de Fátima. Alí os sacerdotes oficiarán a eucaristía cuxa homilía xirará en torno á vida, obra e morte do santo nado en Lisboa. A misa solemne será cantada polo Coro Parroquial de Fontei.

Ao remate da celebración eucarística e como vén sendo habitual, poñeranse á venda as “roscas casamenteiras” xa bendecidas, mentres a charanga Nova Terras de Trives ameniza o aperitivo.

Texto e fotos: Mónica G. Bellver
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button