CulturaMúsicaÚltima hora

Vilanova vístese de rock

A cita inaugura a tempada de festivais na comarca de Valdeorras
Belo y los Susodichos durante o concerto/Foto: Carlos G. Hervella
Belo y los Susodichos durante o concerto/Foto: Carlos G. Hervella
Un dos momentos do festival/Foto: Carlos G. Hervella
Un dos momentos do festival/Foto: Carlos G. Hervella
As bandas entregáronse no VII Vilarock/Foto: Carlos G. Hervella
As bandas entregáronse no VII Vilarock/Foto: Carlos G. Hervella

Caeu a noite e as rúas de Vilanova enchéronse de xente para acoller a sétima edición do festival de música Vilarock. Liderados por “Púas”, os barquenses Jocker foron os primeiros en deleitar aos asistentes co seu estilo hardrock. Todos os compoñentes da banda sentíronse “moi ilusionados pola oportunidade”.

A festa continuou da man do grupo pontevedrés Malkeda, que presentaba novo traballo. O seu estilo rápido e de letras reivindicativas fixo que o público despegase os pés do chan. “Ogallá repitamos experiencia o ano que ben!”, apuntaba o vocalista Checho.

A espera tivo recompensa e o prato forte chegou coa posta en escena de Belo y los Susodichos. Os asturianos agasallaron á xuventude con “Mariposas de papel” e “Mi pequeña rock and roll”, temas inéditos do seu novo disco, “Pan y Circo”, que sairá á luz en setembro. Non se quixeron esquecer das súas cancións máis populares e dixeron adeus ao espectáculo con “Al gallo que me cante”.

Apagáronse os focos tras as actuacións de Calle del Ruido, que viñan dispostos a “dar caña”, e Katólicos. Mala Komunicación caeuse do cartel da sétima edición do Vilarock debido a “problemas persoais do batería”, segundo confirmou a organización.

“O noso propósito e que a xente o pase ben e, ademais, dar saída aos grupos de Valdeorras” aseguraba Eliseo, presidente da Asociación Vilarock. Pero como Roma non se construíu nun día a organización xa traballa na seguinte edición do certame, segundo adiantou Diego, tesoureiro da asociación.

 

CHARLANDO CON BELO

Belo, líder da banda asturiana, entrevistado por Miguel/Foto: Carlos G. Hervella
Belo, líder da banda asturiana, entrevistado por Miguel Gómez/Foto: Carlos G. Hervella

Belo, en declaracións exclusivas para O Sil explicou a difícil situación dos músicos e a importancia dos festivais como Vilarock. Así mesmo, desvelounos algúns segredos sobre o seu futuro traballo, “Pan y Circo”.

“Os directos son o futuro e queremos levar a nosa música por toda España. É unha sorte que festivais coma este se interesen pola nosa música ”, recoñecía Belo, cara visible do grupo Belo y los Susodichos. O artista asturiano tamén definiu as súas letras como “íntimas e persoais; de autor“.

A piques de lanzar “Pan y Circo” o líder da banda asegurou a este xornal que en tempos complicados “o crowdfunding é a forma máis recorrente e humilde de incluír á xente no disco”. O cantautor sinalou que este será o traballo “máis persoal” e que incluirá colaboracións de artistas moi recoñecidos no ámbito nacional. Destacan os nomes de Kutxi Romero, cantante de Marea, Desakato ou Iratxo.

Belo, non deixou escapar a oportunidade e eloxiou o bo traballo da Asociación Vilarock, así como o agarimo do público: “a organización é espectacular e a xente tratounos xenial”.

Texto: Miguel Gómez Longo

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button