En portada

Visita real a Ourense

Os Reis, Felipe VI e Letizia, inauguran o curso 2014-2015 no CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar
A Raíña cos nenos  nunha das aulas do CEIP Ben-Cho-Shey. /Foto: Carlos G. Hervella.
A Raíña cos nenos nunha das aulas do CEIP Ben-Cho-Shey.
Os Reis noutra das aulas do colexio ourensán.
Os Reis saúdan aos nenos que están en plena clase.

A seis quilómetros da capital, Ourense, o Centro de Educación Infantil e Primaria Ben-Cho-Shey (ubicado en A Chaira,  O Pereiro de Aguiar) era o colexio público elexido para a inauguración oficial do curso escolar 2014-2015 (que comezaba hai apenas unha semana), a cargo dos Reis de España.

Felipe VI e Letizia, chegaban ao centro educativo minutos antes das 12h. do 16 de setembro. Ás portas do colexio, había gran expectación xa dende boa mañá. Medios de comunicación, veciños, curiosos… Por algo era a primeira vez que os monarcas se acercaban á localidade ourensá, aínda que non á provincia (Felipe xa estivera como Príncipe en dúas ocasións), nin á comunidade (os Reis estiveron en Santiago de Compostela a finais de xullo).

A primeira parada das Súas Maxestades, acompañadas polo ministro de Cultura, Educación e Deporte, José Ignacio Wert; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez; o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; entre outras autoridades autonómicas e estatais, sería a entrada do colexio onde se descubría unha placa conmemorativa, paso previo á visita a tres das aulas coas que conta o CEIP: unha de infantil de 4 anos, outra de primaria de 6 anos e outra de primaria de 10-11 anos de inglés.

Seguindo un riguroso programa, Felipe e Letizia mantiñan un encontro con tódolos alumnos do centro (actualmente ten unha matrícula de 234 nenos) no patio. Alí esperaban os cativos xunto aos profesores, aos que foron saudando.

Chegada dos Reis ao Pereiro de Aguiar.
Chegada dos Reis ao Pereiro de Aguiar.
Os Reis saudando ás autoridades antes de entrar no centro.
Os Reis saudando ás autoridades antes de entrar no centro.
Felipe VI descubre a placa conmemorativa.
Felipe VI descubre a placa conmemorativa.

Así chegaríase ao acto central da xornada, a inauguración do curso con discursos que mesturaron o castelán e o galego. O primeiro en falar sería o alcalde de O Pereiro de Aguiar, Eliseo Fernández que daba á benvida ao concello que preside, un concello “cun presente e un futuro prometedor marcado polas zonas urbanizables, as infraestruturas, a mellora das comunicacións e a crecente oferta cultural, de ocio e deporte que dan resposta á demanda, e que fala dun pobo en desenvolvemento”.

No seu turno, o director do centro escolar, anfitrión do evento, Antón Gómez, loou a constancia, a ilusión e o traballo do profesorado, así como “a implicación das familias e o esforzo das alumnas e alumnos que nos fan ser o que somos, un colexio público que garante a igualdade de oportunidades, e activo ao que a súa situación no rural galego proporciónalle tódalas vantaxes dun contorno tranquilo e saudable, ao tempo que as TIC’s lle permiten a comunicación como a calquera centro ubicado en calquera outro parte do mundo”.

O Rei saúda aos cativos no patio do colexio.
O Rei saúda aos cativos no patio do colexio.
Letizia falando cos profesores.
Letizia falando cos profesores.
Letizia fala cun dos alumnos.
Letizia atende a un dos alumnos.
Foto de familia dos Reis cos alumnos, profesores e autoridades.
Foto de familia dos Reis cos alumnos, profesores e autoridades.

O ministro Wert, indicou no seu discurso que co primeiro curso de aplicación da Lomce “iníciase unha etapa de búsqueda da mellora da calidade da educación”, afirmando que “é o momento de pasar á fase cualitativa”. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pola súa banda, apelou á “experiencia e á razón” que predicaba o Padre Feijóo (nado en Pereiro), como bases dun sistema educativo que permita despregar tódalas potencialidades que latexan nos alumnos e facelos “cidadáns da súa terra, cidadáns do mundo e, sobre todo, cidadáns do seu tempo”. Feijóo concluíu a súa intervención, lembrando que case medio millón de mozos galegos, dende infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP e universidades, están preparándose “para ser o futuro de Galicia e para, dende Galicia deseñar o mañá do noso pobo”.

O director do centro, Antón Gómez, durante a súa intervención.
O director do centro, Antón Gómez, durante a súa intervención.
O Rei, Felipe VI, inaugurando o curso escolar en infantil e primaria.
O Rei, Felipe VI, inaugurando o curso escolar en Infantil e Primaria.

O Rei Felipe VI, sería o último en falar, e na súa intervención denunciaba a falta de adecuación das competencias de moitos cidadáns ás necesidades da economía real. “Esa carencia” dixo, “deriva en grande medida do desaxuste entre a oferta formativa e as demandas dun mercado de traballo que precisa de profesionais con aptitudes que a cotío non puderon obter na súa vida escolar e educativa. Só un esforzo conxunto, realista e xeneroso por parte de todos permitirá a superación destes desafíos que condicionan moi seriamente o progreso da sociedade española”. O Rei, defendeu o valor da FP, “peza clave na mellora da educación en España” e con “este espírito de superación que os debe guiar a todos” declaraba oficialmente inaugurado o curso escolar 2014-2015.

 

CONCENTRACIÓN CONTRA A LOMCE

Manifestantes en favor do ensino público, diante do colexio.
Manifestantes en favor do ensino público, diante do colexio.

Non todo foron aplausos e parabens durante a visita dos Reis ao CEIP Be-Cho-Shey. Ás portas do centro, membros da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público manifestaban con pancartas e berros, o seu rexeitamento, tanto á presenza dos monarcas como ao ministro Wert e a nova lei de Educación.

A Plataforma está integrada pola AS-PG, a CIG-Ensino, o BNG, os Comités, Agir, a Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), a Liga Estudantil Galega, Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO). Os seus representantes acudiron a protestar e a reivindicar cuestións tan diversas como a república galega, a independencia, ou a dimisión do conselleiro e do ministro de Educación, así como a retirada da Lomce.

Texto: Mónica G. Bellver
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button