Luís Villares participaba nun mitin no Barco, acompañado polos candidatos ourensáns Ánxeles Cuña, Davide Rodríguez e Eva Gutiérrez

En Marea ten “vocación de gobernar e é un proxecto que quere canalizar politicamente a hexemonía social. Frenaremos o paso aos recortes e ás políticas de sufrimento. Lideramos ese proxecto para este país”. Dicíao no Barco o seu candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, nun mitin no Teatro Lauro Olmo, xunto aos tres primeiros membros da lista ourensá desta formación: Ánxeles Cuña, Davide Rodríguez e Eva Gutiérrez.

Luís Villares, candidato á Xunta por En Marea./ Foto: Carlos G. Hervella.

Luís Villares, candidato á Xunta por En Marea./ Foto: Carlos G. Hervella.

No acto Villares expoñía as liñas que guían o proxecto de En Marea, como é a defensa da xustiza social. “Queremos gobernar Galicia como unha gran familia, repartir para que todo o mundo teña as mesmas oportunidades”. Ademais debullaba algunhas das prioridades do seu programa, entre elas “un decreto de garantías sociais públicas” e a “aprobación dunha lei galega de lobbies”. Tamén se refería á defensa da lingua e da sanidade pública, a un sistema adecuado de infraestruturas (cun plan de comunicación comarcal e a creación dunha compañía galega de trens), á comarcalización de servizos, ao establecemento de novos sectores produtivos ou á aposta pola I+D+i.

Outro dos momentos da intervención de Villares./ Foto: Carlos G. Hervella.

Outro dos momentos da intervención de Villares./ Foto: Carlos G. Hervella.

Asemade aseguraba que “nós garantizamos un goberno alternativo ao PP. Foi un erro que no Estado español non se fixese ata agora e nós garantizamos que aquí non vai a haber ese erro, por iso en En Marea dicimos que nós lle imos marcar o paso á política estatal a partir de agora, a dinámica política galega demostrará o día 25 que é posible construír alianzas entre as forzas que están opostas ás políticas de sufrimento do PP”.

 

Luís Villares, xunto aos tres primeiros membros da lista de En Marea por Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Luís Villares, xunto aos tres primeiros membros da lista de En Marea por Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

A súa intervención pechaba un mitin no que o precedía sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo a cabeza de lista por Ourense, Ánxeles Cuña, quen aludindo ao autor que dá nome ao auditorio barquense lembraba que facía “un teatro popular para a xente, foi un exemplo de cidadanía activa e identificouse coas causas progresistas”. Tamén mencionaba esta docente e dramaturga unha das obra de Olmo, “Asemblea xeral”, “unha brincadeira, unha fábula con animais” cuxa trama e personaxes puxo en relación coa situación actual. Dende aí incidía na importancia e necesidade de “ter conciencia”, nun discurso no que citaba outras tres obras literarias: “A Esmorga” de Blanco Amor, “O ensaio da cegueira” de Saramago e “O lapis do carpinteiro” de Manuel Rivas. “Temos un país ríquisimo en todos os sectores, cheo de talento e de vitalidade, pero Ourense é a provincia máis pobre de España polo abandono e isto hai que cambialo”.

A cabeza de lista por Ourense, Ánxeles Cuña, durante o mitin./ Foto: Carlos G. Hervella.

A cabeza de lista por Ourense, Ánxeles Cuña, durante o mitin./ Foto: Carlos G. Hervella.

Cuña aludía á situación de "abandono" na que se atopa á provincia de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Cuña aludía á situación de “abandono” na que se atopa á provincia de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tamén tomaba a palabra o número dous da lista ourensá, Davide Rodríguez, que se presentaba como “ex alcalde de Manzaneda, músico, cooperativista, bombeiro e pai de dúas nenas” e poñía como exemplo a súa xestión ao fronte do citado concello apoiándose en datos: “Manzaneda foi o quinto concello ourensán que mellor comportamento tivo no 2015, segundo o Inorde; ten débeda cero coas entidades bancarias e é o único de toda Galicia que xestiona directamente unha residencia de anciáns”. Rodríguez resaltaba que “non podemos permitir o ermo demográfico do país, os ataques sistémicos ao noso agro, industria, ao noso patrimonio material e inmaterial… Outros catro anos de PP non nos deixarían na UVI, senón que nos levarían á morgue. A nosa historia ímola facer nós, non dende Madrid”.

Davide Rodríguez de Manzaneda, número dous da lista ourensá de En Marea./ Foto: Carlos G. Hervella.

Davide Rodríguez de Manzaneda, número dous da lista ourensá de En Marea./ Foto: Carlos G. Hervella.

No mitin do Barco falaba ademais Eva Gutiérrez, número tres na candidatura, quen aludía ás políticas de recortes do goberno do PP e lembraba que  “a participación activa dos cidadáns é un dos piares da nosa confluencia”.

Os candidatos sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo ao remate do acto./ Foto: Carlos G. Hervella.

Os candidatos sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo ao remate do acto./ Foto: Carlos G. Hervella.