O candidato á presidencia da Xunta da formación verde arroupa a Mosquera no mitin central celebrado no Teatro Principal de Ourense

Compromiso por Galicia celebrou na tarde-noite do 21 de setembro o seu mitin central en Ourense. O Teatro Principal da cidade foi o escenario elixido pola formación verde para trasladar a súa mensaxe ao electorado de cara ao vindeiro 25S. Así, a catro días da cita coas urnas, o candidato á presidencia da Xunta  incidiu na importancia do voto a CxG porque entende que “estaríamos a facer un acto de amor propio aos galegos”. Mostra deste xeito o seu apoio á candidatura da provincia, liderada por Xosé Mosquera.

Lucía Nespereira, número 2 da lista, iniciou a quenda das intervencións.

Lucía Nespereira, número 2 da lista, iniciou a quenda das intervencións.

Nas intervencións tamén participou Lucía Nespereira, que concorre aos comicios como número dous por Ourense. O seu discurso foi breve mais directo: “un voto útil é aquel que vai dirixido a un representante que sabe das nosas necesidades e da diversidade do pobo”, dixo, apelando ao “orgullo”  como principal motivación para elixir a papeleta de CxG. “Con ese orgullo galego escollede para votar a quen si nos representa, votemos como galegos!”, concluíu.

 

Mosquera pediu o voto “racional” para a formación verde.

Mosquera pediu o voto “racional” para a formación verde.

Continuou o cabeza de lista por Ourense, Mosquera, que preferiu definir a candidatura do partido como unha opción “racional” fronte ao que considerou como “aluvión sentimentalista”. Criticou aos grandes partidos por vir “a dicirnos agora todo aquilo que non fixeron” e defendeu a solvencia da súa formación, con “propostas para aproveitar os recursos de Galicia”. Así, mostrouse a favor de potenciar a industria no rural da provincia con estratexias como a de exportar e apoiar a colocación de produtos do campo autóctonos. “A aposta de CxG é a aposta pola introdución dos produtos ourensáns no mercado cunha política activa de comercialización e exportación”, dixo, “para que os galegos do rural vivan como os da cidade”.

O candidato á presidencia da Xunta por CxG, Bascuas, foi o encargado de pechar o mitin.

O candidato á presidencia da Xunta por CxG, Bascuas, foi o encargado de pechar o mitin.

Pechou o mitin Bascuas, que insistiu na “falta de amor propio dos galegos” e na necesidade de “facer un acto de amor propio” co voto á súa formación. E é que, segundo el, os representantes da formación verde “somos unha reivindicación do que podemos chegar a ser”, co que animou aos asistentes a sentirse identificados co partido que lidera o vindeiro 25S.

Texto e fotos: Sara Fontenla