Unha vintena de folións desfilaron polas rúas da vila dende o Toural ata a praza Maior

Correndo e tocando. Así entraba o Folión Alternativo na praza Maior de Viana do Bolo no mediodía do Domingo Gordo, 26 de febreiro, pechando así un multitudinario defile de folións e comparsas que converteron á vila no centro de atención do Entroido no oriente ourensán.

Ata vinte folións participaban nesta edición do desfile en Viana, o que supón unhas 1.150 persoas (segundo datos facilitados polo alcalde) desfilando. A maiores, unha verdadeira marea humana desfrutaba do son e colorido do Enroido durante o percorrido, dende o Toural ata a praza e de aí ata o pavillón, onde tiña lugar o xantar da 47ª Festa da Androlla cuxas entradas se esgotaban hai días e na que á que asistían 1300 persoas. Os participantes no desfile xantaban na carpa dos folións.

O primeiro folión en facer soar os bombos e apeiros pola rúa, era o de Grixoá e detrás o resto: Bembibre, O Tameirón, Quintela do Pando e Amigos, Foliada Quintela de Pando, Fornelos de Filloás, Penouta e Ramilo, As Carrelas, Fornelos de Viana, Os Labregos de Trives, Santa Mariña, Buxán, Punxeiro, Os Vikingos de Tranvalas Augas (Cabo da Vila), Os Arrieiros de Petín, Vilaseco da Serra, Fulión A Veiga, Vilarmeao, Fradelo e Alternativo.

Guiando aos folións, coma sempre, os boteiros, minotauros, charrelos e mázcaras foron os protagonistas na praza, onde os coloridos traxes e a posta en escena (uns bailando, outros brincando e outros embestindo) engaiolaron ao público.

Fotos: Mónica G. Bellver