Noela Blanco, licenciada en Ciencias Ambientais, encabeza a lista do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) por Ourense

Xuventude, preparación e traballo son algunhas das cualidades que fan de Noela Blanco Rodríguez (Ourense, 1980) unha candidata perfecta para encabezar a lista do PSdeG-PSOE por Ourense. Tamén por crer “na xustiza, na liberdade e na igualdade” motivos polos que asegura, é socialista. Por iso, despois de algo máis dun ano como deputada no Parlamento de Galicia (posto ao que accedeu en maio de 2015 trala demisión de Pachi Vázquez) e sendo secretaria de medio ambiente da executiva provincial de Ourense, Noela afronta estas eleccións con enerxía e esperanza, convencida de que “se cada un de nós somos capaces de convencer a dez persoas (amigos, parentes, veciños,..) e cada unha delas a outras dez, seremos capaces de facer unha cadea humana que a partires do 25 de setembro encha a Xunta de puños e rosas”.

Queda unha semana de campaña. ¿Como a están afrontando dende o PSdeG-PSOE? ¿E concretamente dende Ourense?
Con moitísima esperanza. O outro día en Verín bautizamos esta campaña electoral como o camiño da esperanza que nos levará, estamos convencidos, a que Xaquín Fernández Leiceaga sexa o novo presidente da Xunta de Galicia. Percibimos cada día que pasa unha maior sensación de que o cambio está cada vez máis cerca en Galicia e de que é necesario que mobilicemos nestes últimos días a todos os nosos votantes, a todas e todos aqueles que están descontentos coas políticas do Partido Popular, que son moitos. Estamos facendo unha campaña moi concentrada posto que a convocatoria das eleccións pillounos ao final do verán coa xente de vacacións o que supuxo que tiveramos que reorganizarnos rapidamente. É certo que as propostas as levamos facendo durante todos estes anos no Parlamento de Galicia e foi simplemente introducir ou incidir máis nalgunhas cuestións que afectan á provincia, pero estamos vivindo a campaña con moita intensidade e estes quince días estamos percorrendo todos os recunchos da provincia para achegar as respostas novas que temos para os problemas que o Partido Popular ou xerou ou amplificou durante o seu mandato.

Nas primarias vostede decantouse por Xoaquín Fernández Leiceaga, ¿que lle parece a lista coa que concorren ás eleccións do 25 de setembro? ¿E que opina do feito de que ao contrario que nos pasados comicios non haxa ninguén de Valdeorras nos postos de saída?
Trátase da lista que a dirección, neste caso tanto a xestora como o comité de listas federal, decidíu e eu asumo e acepto esa decisión. Penso que estamos facendo todos e todas unha magnífica campaña, que estamos traballando moitísimo e eu non escribo a lista en vertical, se pudera facelo faríao en horizontal porque todos somos igual de importantes e necesarios. Todos representamos á provincia de Ourense, eu mesma nacín na cidade e vou defender co mesmo afán, forza e intensidade tanto as necesidades que ten a comarca de Valdeorras como as que ten Ourense e penso que falo por todos os meus compañeiros, cando digo que eles tamén.

A candidata ourensá Noela Blanco no mitin do PSdeG-PSOE no Barco de Valdeorras.

A candidata ourensá Noela Blanco no mitin do PSdeG-PSOE no Barco de Valdeorras.

O feito de ter sido a aspirante máis votada na provincia de Ourense demostra que afiliados e partido confian e apostan pola renovación. ¿Espera ter o mesmo apoio dos cidadáns? ¿Cal é o seu obxectivo en canto a escanos?
Os cidadáns non van escoller a Noela senón que van votar a un partido político, ao partido que represente mellor as necesidades que teñan os ourensáns e as ourensás. E eu espero e desexo, e dende logo estou moi ilusionada e esperanzada, que a aposta dos galegos e galegas sexa a do PSdeG, que é unha aposta polo benestar social como leva sendo dende que naceu este partido hai máis de 135 anos. A min falar de enquisas e escanos non me gusta demasiado pero se tivera que dicir un número, temos a sensación de que estamos rozando o quinto deputado. Temos 4 agora mesmo na provincia de Ourense e sabemos que o temos consolidado polo que estamos traballando polo quinto pero é unha percepción e traducir o número de votos a escanos nunca é sinxelo, e menos cando concorren tantas forzas políticas como nestas eleccións.

¿Cal é a aposta do PSdeG-PSOE para os vindeiros catro anos na provincia?
En Ourense temos un problema demográfico gravísimo onde o 45,5% da poboación está concentrado na cidade co cal hai un despoboamento, un deserto, no resto do territorio que dende logo debemos corrixir con políticas concretas e de discriminación positiva. Unha das medidas importantísimas que levamos no noso programa no referente ao reequilibrio territorial é que non somentes nos orzamentos se mire a poboación (o número de habitantes dunha zona) senón que Ourense sexa discriminado positivamente incrementando un 3% máis anualmente ese orzamento para reforzar e contribuír á creación de emprego e, dende logo, facer do noso medio rural que xa ten de por si calidade de vida, un sitio próspero e habitable que agora mesmo non é.

Un momento da entrevista concedida ao Periódico O Sil, no Barco de Valdeorras.

Un momento da entrevista concedida ao Periódico O Sil, no Barco de Valdeorras.

O desemprego é outro dos problemas que afectan á provincia de Ourense de forma virulenta, ¿que propostas ten o partido socialista para tentar palialo?
É certo que o desemprego afecta a todas as provincias, a todo o Estado en realidade, pero en Galicia de forma máis destacada. Se se perderon 6 de cada 100 postos de traballo a nivel estatal, aquí foron 12 de cada 100, o que quere dicir que se duplicou esa perda debido ás políticas do Partido Popular e en concreto ás políticas que o señor Núñez Feijóo veu facendo nos últimos anos. Imos poñer en marcha un plan de emprego, pero non somentes xuvenil senón tamén para os parados de longa duración, dotado con 100 millóns de euros para 10.000 persoas de maneira anual. E quero recalcar que este plan non será unha medida temporal, serán contratacións de tres anos e despois primarase os contratos indefinidos que se fagan a partires dese momento, co cal non só se creará emprego senón que será estable e de calidade, algo que nos últimos anos non está acontecendo.

Como Licenciada en Ciencias Ambientais e secretaria provincial de medio ambiente do PSdeG-PSOE en Ourense, entendo que o entorno natural é unha das súas prioridades. ¿Que necesita Ourense nese ámbito?
Ourense necesita unha verdadeira protección dos espazos naturais. A Serra da Enciña da Lastra, por exemplo. Este ano afortunadamente non chegou a incidir o lume nela pero si estamos vendo nos últimos cinco anos que é unha zona afectada. Os nosos espazos naturais, os que están catalogados e os que non, precisan de actuacións concretas para protexer esa biodiversidade, esa singularidade que teñen. É esencial tamén corrixir a contaminación dos nosos ríos a nivel global. Incidir asemade nunha política de residuos para un crecemento ambientalmente sustentable polo que nós apostamos. Outra das nosas propostas que creo que é interesantísima é crear unha lei de benestar animal para solucionar problemas tan graves como son o maltrado e o abandono de cans e gatos que vai en aumento e que a crise tamén fomenta.

Noela Blanco cedendo a palabra ao candidato á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, no mitin celebrado no Malecón barquense.

Noela Blanco cedendo a palabra ao candidato á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, no mitin celebrado no Malecón barquense.

En caso de que o PP non logre a maioría absoluta, ¿sería partidaria de pactar con outros grupos políticos para acceder ao goberno autonómico?
Tanto dende o PSdeG como dende o PSOE a nivel estatal sempre tendemos a man ás forzas de esquerdas, penso que vai no noso ADN a capaciade de diálogo e de chegar a acordos. Temos un candidato que é proclive a iso, que fomenta o diálogo e estou convencida de que o vai facer, non só iso senón que no Parlamento de Galicia, no último ano que estiven eu, puden comprobar que a maior parte das iniciativas eran votadas nunha porcentaxe alta (entre un 80 e un 90%) de forma conxunta por todos os grupos da oposición, e iso quere dicir que o que está freando realmente as iniciativas que os socialistas presentamos é o Partido Popular e a súa maioría absoluta. Por iso é tan importante que o vindeiro 25 de setembro Feijóo perda a capacidade de pasar por riba de todas as iniciativas que queremos poñer en marcha para esta provincia.

¿En que melloraría Ourense se Leiceaga fora presidente da Xunta?
En moitísimas cousas. Dende logo estou convencida que a nosa deixaría de ser unha provincia de segunda, como a considera o actual presidente e candidato á reelección ao non presentarse por Ourense senón por Pontevedra. Xaquín Fernández Leiceaga ten, non somentes unha traxectoria política, senón profesional importantísima, de prestixio, como economista. Estou convencida de que conseguiría dar o pulo que necesita esta provincia para o seu desenvolvemento económico que dende logo estamos vendo nos últimos anos que non está ocorrendo.

Texto: Mónica G. Bellver
Fotos: Carlos G. Hervella