Marisol Díaz Mouteira, ex delegada territorial da Xunta en Ourense, encabeza a lista do Partido Popular na provincia

Marisol Díaz Mouteira (Alemaña, 1967) encabeza por vez primeira unha candidatura nas eleccións ao Parlamento de Galicia, mais xa conta con experiencia na cámara galega. Tamén coñece ben a Administración Pública, tras desempeñar varias xefaturas territoriais en Ourense e, de xeito máis recente, a delegación da Xunta na provincia. É licenciada en Dereito e funcionaria do Corpo Superior da Administración da Xunta. Sempre ligada ao interior de Galicia -é natural da comarca da Limia- móstrase ilusionada co proxecto que lidera na provincia e garda cautela ante as enquisas máis optimistas que lle vaticinan unha nova maioría absoluta ao Partido Popular.

Estamos xa no ecuador, como se está a desenvolver a campaña?
Pois como todas as campañas do Partido Popular de Ourense: traballando moito, empezando dende primeira hora do día para repartir os actos entre os diferentes candidatos, colaborando cos concelleiros da cidade e recorrendo a provincia para trasladar ese proxecto de futuro que Alberto Núñez Feijóo segue querendo para Ourense e para Galicia. Un proxecto que é moi fácil de levar cando cres nel e no que eu creo firmamente, porque levo colaborando e aportando dende o 2009, dende as miñas responsabilidades, e sei o que é traballar arreo para que hoxe nos atopemos no punto no que estamos. Sería unha mágoa desandar o camiño que levamos feito.

Xa estivo máis veces como deputada no Parlamento de Galicia, pero esta é a primeira vez que vai como cabeza de lista. Que a levou a encabezar a candidatura por Ourense?
A situación implica para min unha tremenda responsabilidade e non atopo a palabra axeitada para definir iso. Creo que foi ese traballo ao longo destes anos, estando sempre a disposición do partido. E neste caso vou eu como número un como podía ir calquera dos 14 compañeiros ou dos suplentes da lista. Traballamos todos por igual e neste momento tocoume a min. Cando se me preguntou se asumía esa responsabilidade, dixen que por suposto porque o feito de que pensaran en min é unha honra. Pero podía ir calquera dos meus compañeiros porque somos todos un equipo. Quen me coñece sabe que valoro a palabra equipo porque un só non fai nada se non ten boa xente ao redor.

Que hai dese equipo que a acompaña? Que criterios conflúen na lista que lidera?
Dúas palabras: experiencia, porque moita xente da que vai na lista temos experiencia, xa sexa parlamentaria ou na xestión pública -eu levo dende o 1994 na Administración-, pero tamén renovación. Polo tanto, aportamos esa serenidade e esa tranquilidade que dá a experiencia e, polo outro lado, as gañas de facer máis cousas por parte da xente que se incorpora e que vén a darnos máis impulso e máis enerxía. Xente nova que vén con gañas de aportar, que é o que necesitamos hoxe en política.

Canto cre que cambiaron as cousas no panorama ourensán con respecto á última vez que estivo no hemiciclo?
Do 2009 ao 2012 cambiou moito pero do 2012 a agora cambiou moitísimo máis. Eu escoito sempre que Ourense é a grande olvidada e estou totalmente en desacordo. Non estamos falando por falar. Préstome a acompañar a calquera a facer, en vez de un roteiro turístico polo camiño das termas, unha visita por todas e cada unha das cousas que son palpables, que se poden ver e que fan ver en que avanzou Ourense nestes catro anos. Hai proxectos rematados, moitos en camiño e outros moitos que queremos empezar.

Marisol Díaz esta mañá na sede do PP en Ourense.

Marisol Díaz esta mañá na sede do PP en Ourense.

Que propostas leva o programa dos populares para esta zona de interior?

Son múltiples as medidas para a provincia, partindo dende a propia cidade. Por exemplo, en infraestruturas, no ámbito sanitario, continuaremos co Complexo Hospitalario e cos centros de saúde novos que se están a construír e os que xa están proxectados. En educación, só neste verán 89 centros educativos da provincia sufriron algunha ampliación ou reforma. Levaremos a cabo a conexión da A-72 co polígono de San Cibrao, para seguir potenciando o noso tecido empresarial, e faremos unha aposta importante polo polígono O 21-As Coiñás, cunha reforma integral. E seguiremos apostando polos barrios. Un exemplo é esa rehabilitación da praza de Covadonga.

Que medidas barallan para paliar a situación de perda de poboación e avellentamento do rural ourensán, grandes problemas da provincia neste momento?
Seguiremos apostando polo rural. A moitos éncheselle a boca de falar polo rural pero non teñen feitos nin realidades. E nós si as temos. Temos feitos, realidades e proxectos. Para fixar a poboación aí trataremos de potenciar os produtos da zona, facilitaremos que as explotacións agrogandeiras se centren na explotación dos produtos da súa contorna, pondo en valor o que lles rodea. Tamén haberá impostos cero no rural á hora de comprar, permutar ou agrupar fincas, tan importante para reactivar a zona economicamente. Igual para os mozos que queiran mercar unha casa no rural ou para familias numerosas. E tamén hai para os nosos maiores. Aí está a punto de abrir a residencia de Porqueira, de Vilardevós e a de Chandrexa. Queremos continuar ese plan de envellecemento activo para que os nosos maiores participen o máximo posible da sociedade e que permanezan nas súas casas o máximo tempo posible cunha vida sa. Pero tamén temos un proxecto estrela para os nenos coas casas-niño naquelas localidades onde non hai ningún punto de atención á infancia. Esta medida ten un dobre aspecto: a creación de postos de emprego para persoas da zona e, ao mesmo tempo, aténdese eses nenos de 0 a 3 anos sen saír do seu ámbito. Por outro lado tamén están medidas como o Bono Coidado ou o Bono Concilia… Para a mocidade, queremos que se premie a excelencia no Bacharelato e seguiremos potenciando a Formación Profesional (FP), que está dando os seus froitos. E programas como a da primeira experiencia laboral, para que os recén titulados universitarios e os de FP poidan facer as súas prácticas. Tamén queremos seguir co retorno do talento co Oportunis Retorna. Hoxe hai 2.500 investigadores que están a traballar con axudas da Xunta e queremos que sexan máis.

Que outras áreas tocan a provincia de preto?
Pois nas políticas sociais, por exemplo, triplicamos a atención a persoas dependentes. Só na provincia de Ourense, os dependentes de grado 3 -os máis graves- teñen resolto a súa solicitude nun mes. En inclusión social, levamos 900 solicitudes cun importe medio de 1.000 euros para aquelas axudas para pagar aluguer, alimentos ou pequenas reformas no domicilio. E en canto á Risga, neste momento temos 1.400 beneficiarios en Ourense, que supón máis de 600.000 euros. Eu enfádome cando escoito como desacreditan o traballo que se leva feito. E non teño máis que defendelo, porque participei del e podo falar del en primeira persoa. Por exemplo, na sanidade sabemos que hai listas de espera e gustaríanos que fosen cero e seguiremos traballando cara esa axilización, pero hoxe, para unha intervención quirúrxica, estamos nunha media dun mes e na primeira consulta para diagnose, 28 días de media. Temos que estar orgullosos porque, coa situación que vivimos, temos un sistema sanitario magnífico en Galicia. E tamén é magnífico grazas ao traballo dos profesionais, da administración e dese traballo que se lle pide aos galegos e ás galegas.

No rural ourensán outro dos problemas derivados da perda da poboación é o peche de escolas…
Queremos fixar poboación no rural, si, pero tamén temos que pensar no ben do neno. O bipartito no 2006 pechou 20 escolas por ano e algunhas tiñan máis de seis nenos, cando hoxe unha escola unitaria se pecha con cinco rapaces. E eu sempre digo que cambiar a un centro máis grande tamén os enriquece a eles. Ademais, falamos de desprazamentos de 10-15 km, nunca máis. Por outra banda si me parece incoherente no discurso da oposición que volve falar dos libros gratuítos. Isto é un debate moi antigo. Eu cheguei no 2009 como xefa territorial de Educación e viñamos dun bipartito que xa vimos como o valoraron os galegos, non lle deron máis oportunidades. Fixeron moita demagoxia e non pagaron as políticas. De todos xeitos, neste partido sobran proxectos dos que falar, sen ter que entrar a cuestionar o que di calquera grupo da oposición. Por exemplo, noutros eidos camiñaremos tamén cara a colaboración e cooperación entre distintas administracións. E sobre todo, potenciaremos o que xa se estivo poñendo en marcha nesta última lexislatura con Alberto Núñez Feijóo: a colaboración entre concellos cercanos para compartir servizos.

Veremos algunha fusión de concellos na provincia?
Eso si que xa non o sei, pero o que si se está a ver é a agrupación de concellos para prestar servizos. E a Xunta está a premiar iso. É o futuro. Compartir unha agrupación de protección civil ou un obradoiro de emprego é o futuro. Así poderemos mellorar a calidade de vida dos veciños e o benestar, que é o que nos importa.

A candidata popular por Ourense no mitin do Carballiño.

A candidata popular por Ourense no mitin do Carballiño.

E en canto ao tecido empresarial?
Seguiremos axudando aos emprendedores, como o viñemos facendo con programas como o Down Business para informar, asesorar e titorizar, ou co Galicia Emprende. E na Administración, buscaremos ubicar o 100% das nosas dependencias en espazos propios. Se os ourensáns nos dan a oportunidade de seguir co noso proxecto, temos aí o Edificio Administrativo 2, que sería o edificio da Cámara da Propiedade, para eliminar todos os alugueres da administración na provincia, co que aforraríamos moitísimo diñeiro que acaba repercutindo nos cidadáns.

Como vai actuar o Partido Popular para que a provincia tamén medre, e non só a capital?
Eu cando falo de Ourense, refírome ao conxunto de Ourense como provincia, non só á cidade. Pero tamén fixemos cousas. Vamos ao Carballiño, e temos infraestruturas coa ampliación da residenecia de maiores, coas obras dos colexios… Aínda que nos centros educativos actuamos en case todos os concellos. Pero tamén no Barco de Valdeorras se actuou en infraestruturas. O alcalde, Alfredo García, levaba moitos anos reclamando a intervención na Avenida de Celanova e, ao fin, a Xunta colabora. Neste momento non teño aquí o calendario das inversións pero estou segura que actuamos en todos os concellos.

A tenor da recente vaga de lumes forestais que afectou de preto a Ourense, a situación fíxolles variar nalgo os seus planeamentos de cara a futura política forestal de Galicia?
Teremos que sentarnos a analizar a situación para ver en que se falla ou a que é debido. Condenamos enerxicamente esta lacra que sufrimos ano tras ano, pero insisto no que vén dicindo a conselleira: parécenos que estamos ante unha situación de acoso e derribo, porque temos 9.000 efectivos que loitan contra o lume e que están a facer un traballo magnífico. Sempre temos que pensar en máis, pero neste momento temos moitísimos medios. E condenamos a lacra, a intencionalidade da xente que quere facer dano pero tamén que se use politicamente e demagoxicamente un problema tan gordo. Nós non queremos que ardan os nosos montes. Tratamos de facer as cousas o mellor posible. Con todo pediremos á Xustiza que sexa máis contundente cos incendiarios, que as penas sexan máis duras e, cando menos, se cumpran.

Sobre os resultados electorais, falan de ir a polo noveno deputado. Como de posible ve esa meta?
Eu caracterízome sempre pola cautela. Non me gusta botar bombas antes de tempo. Creo que as enquisas marcan tendencia pero a enquisa definitiva é a do 25 de setembro. A min dame alegría velas, si, e xeran esperanza pero hai que traballar. Sei que hai moita xente que cre no noso proxecto pero, nestes días, non penso nin en enquisas nin en sondaxes. Penso en aproveitar cada minuto do día para trasladar a mensaxe na que creo firmemente. O que quero para min, quéroo para os meus veciños.

As políticas de pactos parecen non entrar, a priori, na estratexia do Partido Popular pero, de non acadar a maioría absoluta, con quenes buscarían pactar?
En principio non me corresponde a min dicilo. Temos que esperar ao 25 de setembro. E, aínda que eu non me fío das enquisas, alá no fondo penso que imos gañar [ri].

Texto: Sara Fontenla

Fotos: Carlos G. Hervella/ S.F.