Davide Rodríguez, de Manzaneda, segundo na lista de En Marea na provincia de Ourense

Tras sete anos ao fronte do Concello de Manzaneda, Davide Rodríguez Estévez embárcase nun novo proxecto político, desta volta mirando ao Parlamento galego. Ocupa o número dous na lista de En Marea por Ourense nas eleccións autonómicas do 25S. A súa candidatura ten sido a máis votada nas primarias internas da formación, pero por corrección de xénero, é a dramaturga Ánxeles Cuña quen encabeza a lista na provincia.

Esta é ademais a primeira vez que unha persoa da comarca trivesa e da alta montaña ourensá vai en postos de saída nunhas eleccións galegas, algo que Rodríguez Estévez pon en valor. “Necesítase xente comprometida co medio rural, temos que revertir a situación na que está, ese vai ser o meu estandarte”, asegura.

¿Como teñen sido estas semanas de precampaña de reunións e actos en diferentes puntos da provincia, tendo en conta que é a súa primeira experiencia como candidato nunhas autonómicas?
As sensacións nos sitios a onde imos e nos encontros sectoriais son moi positivas. A xente recíbenos moi ben, e a min particularmente pola traxectoria do concello. Si que é verdade que eu estou notando un cambio enorme. É precampaña e campaña, non estamos falando do día a día parlamentar, pero si que dá un pouco de vértixe o ritmo ao que vai todo, porque estamos tendo de tres a catro actos diarios. Despois hai un traballo por detrás dun equipo moi grande. É totalmente distinto á política municipal, pero a verdade é que estou ilusionadísimo con todo isto, hai xente do meu partido que me animou a dar o paso, como foi Xosé Manuel Beiras, e estou con moitas ganas de que veña o 25 de setembro e de que podamos ganar a Xunta.

Esta precampaña tamén estivo marcada polas reclamacións presentadas polo PP contra a súa candidatura, que foron desestimadas, ¿como o valora o sucedido?
Nós dende o primeiro momento entendimos que estaba todo ben feito, a única explicación que lle damos a que o PP denunciara a miña candidatura é que debe contar con enquisas nas que saben que teñen a Xunta perdida. Amais as políticas que eu desenvolvín ata agora no Concello de Manzaneda, que deron bastante bo resultado, son as contrarias ás que están facendo Feijóo en Galiza e Baltar na provincia. Entón si que penso que poden ver na lista de En Marea, e na miña persoa particularmente, un perigo. Non é lóxico que queiran derrotar nun xulgado o que ten que decidir a xente nas urnas, a verdade é que nos parece un perigo. Estamos contentos de que se resolvese tan axiña.

¿Como definiría a lista que presenta En Marea pola provincia de Ourense?
Coñezo as listas das catro provincias e en case todas se dá a mesma casuística: vai mesturada xente sen experiencia política e con experiencia política, penso que a simbiose que se crea entre as dúas é o importante. Sobran políticos profesionais e ten que ser a xente de a pé a que dea o paso, porque teñen a idea máis clarificada do que debe ser un país, xa que moitas veces os políticos podemos ter unha realidade un pouco desvirtuada. Na provincia de Ourense temos sorte de que vaia Ánxeles Cuña, que é unha muller comprometida coa cultura, unha docente. Eu vou de segundo coa experiencia da política municipal e do rural sobre todo; de terceira vai Eva, unha muller que non vén da política, pero que estivo abandeirando o centro de discapacitados de Ourense e que en 15 días conseguíu 70.000 sinaturas e que a Xunta de Galicia lle fixo caso, logo está Xosé Manuel Pérez Bouza, cunha traxectoria intachable no Senado… E logo hai xente de candidaturas de unidade veciñal. Temos unha lista moi espallada por toda a provincia, que creo que tamén é un tema importante, non estea centralizado todo na cidade. Entón eu penso que temos unha lista para ganar a Xunta e para presidila con Luis Villares.

Davide Rodríguez sinala que “nas zonas de montaña as políticas que se levan feito nos últimos anos non funcionaron, temos que revertelas”./ Foto: Carlos G. Hervella.

¿Como califica ao candidato de En Marea á Xunta?
O feito de que unha persoa abandone toda unha carreira profesional para embarcarse nun proxecto porque ve que é necesario, xa di moito desa persoa. Despois que Luis Villares se presente pola súa propia provincia, cando todos os candidatos se presentan historicamente ou pola Coruña ou por Pontevedra, tamén di moito desa persoa. Ten unha sensibilidade enorme co rural e o tema da xustiza social lévao por bandeira. E eu xa o dixen en varias ocasións, creo que temos un presidente da Xunta con maiúsculas, que vai ser Luis Villares.

Nos últimos anos houbo presenza de valdeorreses nas listas ás autonómicas e no Parlamento galego, pero podería dicirse que é a primeira vez que un veciño da comarca trivesa aparece en postos de saída nunha candidatura ás eleccións galegas…
Penso que si. Agora as comarcas do Macizo Central, de Valdeorras ou da Baixa Limia necesitan xente comprometida co medio rural e co entorno. Temos déficit en servizos e isto ten que revertir nunha discriminación en positivo cara estas zonas, e isto téñoo moi claro, vai ser o meu estandarte. Penso que temos que reverter a situación das zonas que ata agora estiveron máis castigadas, tanto en infraestruturas, como en servizos, como en políticas de emprego… Pero iso hai que facelo, non en detrimento doutras zonas, senón buscando fórmulas para que as diferentes zonas convivan xuntas.

Dentro do rural galego hai que diferenciar o rural de montaña.
Nas zonas de montaña as políticas que se levan feito nos últimos anos non funcionaron, entón temos que revertelas. Hai que darlle unha volta e sentarse cos diferentes sectores: comunidades de montes, sindicatos agrarios, etc. e que sexan os propios veciños os que detecten as eivas e intentar mudar a situación, como fixemos en Manzaneda co proxecto Batefogo.

¿Que liñas destacaría do programa de En Marea con relación á provincia de Ourense?
É un programa moi volcado na incorporación á gandeiría, non só de xoves gandeiros, senón tamén de xente de mediana idade, aos montes en man común tamén lle dá unha volta moi boa… É un programa moi realista elaborado coas aportacións de xente da universidade, de cooperativas agrarias, persoas que mamaron a terra e que saben o que temos que facer… Tócanse cuestións como as da PAC, que aínda que son políticas europeas nelas a comunidade autónoma pode meter algúns matices na redistribución das axudas. No tema de infraestruturas tamén se toca moito o tema do rural, sen prometer grandes infraestruturas, senón que as que hai pois poñelas como Deus manda… Neste programa está participando moita xente que se puxo en contacto con nós sen nós chamala, que quería participar, dende ás áreas de cultura a educación, servizos sociais, medio rural, infraestruturas, medio ambiente, cooperación internacional… Por iso pensamos que é un programa moi horizontal, moi plural.

Como sucedeu coa precampaña, ¿a campaña vaise desenvolver en diferentes puntos da provincia?
Si, en toda a provincia. Agora mesmos levamos uns 20 concellos pisados nestes días, sen comezar a campaña. Temos un equipo moi bo traballando con nós, moita xente detrás axudando. É impresionante que te chame xente das vilas dicindo que quere colaborar.

Texto: A.R.