O monfortino Carlos Vázquez Espiérrez compaxina o seu traballo como médico inspector na Seguridade Social coa candidatura como cabeza de lista de C’s por Ourense

Ciudadanos aterrou en Galicia hai catro anos e o monfortino Carlos Vázquez Espiérrez (1966) tívoo claro dende o principio incorporándose ás filas laranxas. Doutor en Medicina, especialista en Neuroloxía e Licenciado en Dereito, traballa como médico inspector da Seguridade Social e compaxina isto co seu labor dentro do partido. Comezou a participar con C’s a nivel autonómico a través do proxecto Acción Política, unha iniciativa encamiñada a dar a coñecer a formación na comunidade galega. Posteriormente, cando se creou agrupación en Ourense, trasladouse para aquí aproveitando o lugar de residencia. Agora encabeza a lista de C’s pola provincia nas eleccións do vindeiro domingo e asegura facelo coñecendo “ben” os “problemas da administración e da provincia” por cuestión do seu traballo.

Como se xesta o paso dun doutor en Medicina á política?
É un compromiso de dar o salto á vida pública coa sociedade. Chega un momento na vida en que cres que tes que facer unha aportación persoal. E tamén porque teño fillos e quero deixarlles unha sociedade un pouco mellor, dentro do que poidamos os que traballamos neste proxecto.

Que o levou a liderar a candidatura por Ourense?
Eu levo no partido dende que chegou a Galicia. Empecei estando en Acción Política e posteriormente nomeáronme responsable da provincia de Ourense de Ciudadanos. Logo foi o partido o que tomou a decisión de crear unha lista. Aquí en Ourense existe unha agrupación que non chega a 150 afiliados e, nestes casos, é o partido o que decide como se constitúen as candidaturas. E propuxéronme ser o número un pola provincia, algo que para min é unha honra, porque levo xa anos metido nestas lides de intentar sacar o proxecto de Ciudadanos adiante.

O candidato de C’s pola provincia, nos Xardíns do Padre Feijóo de Ourense.

O candidato de C’s pola provincia, nos Xardíns do Padre Feijóo de Ourense.

Os carteis electorais de C’s están protagonizados polo líder nacional do partido, Albert Rivera, e pola candidata autonómica, Cristina Losada, pero nin rastro do candidato ourensán. Que ten que facer un posible votante se quere coñecer a cara do partido na provincia?
Pois estar nas carpas. Eu soio estar en todas as carpas nas que podo ir e soiome presentar como candidato pola provincia de Ourense. Estivemos en Maceda o outro día, fomos a Castro Caldelas, no Carballiño… a xente pregunta e nós presentámonos. Traballamos máis ben a pé de rúa.

Que criterios se xuntan na lista que vostede encabeza?
Moitos. Inclúe a traxectoria de cada un dentro do partido, a actividade profesional, a implicación, as distintas facetas que se levaron a cabo dentro do partido e se se é activo na elaboración de proxectos e iniciativas como a elaboración do programa electoral.

Que percepción están a ter da campaña por parte dos veciños?
É boa. Estamos notando que a xente ten interese en coñecer as propostas de Ciudadanos. Tamén penso que estamos mellorando na percepción que teñen os cidadáns da política. Cren que está denostada porque ven que os partidos clásicos -PP e PSOE- están actuando con pouco sentido de estado e están vendo que nós somos un partido que está aí sempre para intentar chegar a un acordo e, sobre todo, para facer políticas dirixidas ás persoas. A idea é sumar, non restar. Se estamos facendo oposición, sempre construtiva. É dicir, tratamos de axudar.

Como están a desenvolver a estratexia de campaña? Focalizan máis na cidade ou priorizan o rural?
Entendemos que toda a provincia é igual e, aínda que non poidamos chegar a todos os sitios, tratamos de repartirnos. Tratamos de estender a nosa influencia e, sobre todo, o programa porque estamos convencidos de que o que hai que facer é trasmitilo e facerllo chegar ás persoas. Estamos convencidos de que é un programa que ten moitas propostas boas para Galicia.

Vázquez, minutos antes de celebrar un mitin en feminino, con mulleres do partido a carón da Deputación.

Vázquez, minutos antes de celebrar un mitin en feminino, con mulleres do partido a carón da Deputación.

A visita de Albert Rivera á cidade das Burgas cambiou nalgo a percepción cara o partido?
Penso que si. É a primeira visita que fai un líder de Ciudadanos á cidade e a fai o seu presidente. Creo que demostra claramente o interese que ten o líder do partido en chegar a Galicia e en chegar a Ourense.

Uns ofrecen experiencia de goberno, outros aluden ás súas orixes locais para asegurar que defenderán a provincia. Que medidas de garantía ofrece Ciudadanos para gañarse a confianza dos votantes no interior de Galicia?
Con respecto aos partidos clásicos que teñen ocupado cargos de poder, Ciudadanos ofrece como aval os feitos e non as palabras. Este é un partido que, cando promete algo, o cumpre. Sobre todo no ámbito da corrupción e das institucións públicas. Pasou en Andalucía, pasa na Comunidade de Madrid e estase a esixir a nivel estatal. No ámbito doutro tipo de políticas, as propostas tamén son boas. De feito tamén as recollen tanto PP como PSOE, o que quere dicir que os dous ven que son propostas boas. Incluso recoñecen que as Deputacións manexan diñeiro de máis e que hai un gasto público excesivo que, ao mesmo tempo, se traduce nunha carga impositiva para as persoas. Polo tanto, nós aportamos solucións que os partidos clásicos non souberon ou non quixeron aportar até o de agora. Con respecto aos partidos máis localistas, nós aportamos representación a nivel estatal e a nivel da Comunidade Económica Europea (CEE). As propostas tanto no sector agrario, como gandeiro, forestal, pesca, ou industria… moitas das decisións que afectan a estes ámbitos adóptanse a nivel europeo e discútense tamén a nivel estatal. Entón, Ciudadanos pode levar eses debates aos estadíos máis elevados, algo que un partido local non podería dar feito.

Que propostas contén o seu programa? Que áreas potencian?
Hai máis dun cento de propostas para a provincia pero o principal será a loita contra a corrupción. As persoas que están imputadas na actualidade e non demostran ter capacidade de ostentar a representación dunha institución pública non deben de estar ocupando esa representación. Por outra parte, no ámbito económico, as nosas propostas son remover obstáculos. A toda persoa que queira emprender un traballo ou toda empresa que queira levar a cabo un negocio e desenvolver a súa actividade agraria, gandeira ou forestal trataremos de removerlles todos os obstáculos que lle pon a administración, as cargas impositivas, etc. E axudar, por suposto, de moi diversas maneiras para que eses emprendementos saian e dean froitos. E o terceiro eixo básico serían as políticas sociais. Dentro delas, queremos reverter todo o que se gasta de maneira superflua en política social. E logo, un aspecto moi importante é axudar ás familias para que poidan ter fillos e que os fillos non teñan que irse a fóra. Sabemos que hai un gran problema coa perda de poboación en Ourense e penso que non se están a levar a cabo políticas efectivas para iso.

Contemplan algunha medida no eido das infraestruturas?
Hai varias que están pendentes. Comentou Albert Rivera a necesidade de instaurar un sistema de transporte metropolitano en Ourense. Non é propiamente unha infraestrutura pero é unha medida necesaria. Ao igual que pasa con moitas comarcas onde non teñen medios de comunicación, sobre todo pola zona de Valdeorras, que está bastante mal. As comunicacións que existen por Trives, Castro Caldelas e toda a zona que une coa N-120 está fatal e houbo promesas para arranxar ese trazado e non se fixo nada. E despois está o tema do AVE que está claro que é necesario pero, ademais, hai que estar preparados para sacarlle todo o xugo a esa infraestrutura, para que poidamos dinamizar moito a provincia.

O monfortino deu o salto á política coa chegada de Ciudadanos a Galicia.

O monfortino deu o salto á política coa chegada de Ciudadanos a Galicia.

Imos coas quinielas electorais, que resultados baralla obter Ciudadanos en Ourense?
Gustaríanos ter representación no Parlamento. Independentemente da que saia, defenderemos os intereses de Galicia no seu conxunto e, o noso obxectivo, é que non haxa diferencias entre provincias. Ourense é hoxe por hoxe unha provincia que está máis desfavorecida en ámbito poboacional, agrario, forestal, industrial…  Entón hai que homoxeneizar e tratar de que non haxa diferenzas entre provincias. Con esta premisa, está claro que Ourense ten que ser unha provincia que se potencie de maneira prioritaria.

A supresión das Deputacións é unha idea que defende o seu partido a nivel estatal, pero tendo en conta que aquí a administración local ten unha estrutura distinta, que alternativa contempla neste caso C’s?
As Deputacións requiren unha modificación a nivel estatal, non se poden modificar a nivel autonómico. Pero si se poden adoptar medidas dende a Xunta. Hai moitas cuestións que a Deputación non está a xestionar con respecto ao eido rural. Realmente hai moi poucas que estea xestionando con respecto aos municipios pequenos, entón hai que aumentar os servizos que teñen os concellos. Despois, non dependerían das Deputacións. Máis ben crearíamos un Consello Municipal onde se decidirían os temas que importan aos municipios, e serían eles os que estableceran as demandas, os servizos máis adecuados e o custe. E logo, transparencia absoluta. A comunicación entre municipios tamén é unha cuestión deficiente, ou o transporte entre vilas. E para iso hai que ter tamén en conta os axentes implicados, é dicir, os propios concellos.

Política de pactos. Os principais líderes de C’s incidiron en que o partido apoiará un goberno do PP en caso de ser chave. A cambio de que sería?
Habería esixencias, por suposto. A loita contra a corrupción e a mellor xestión dos recursos serían piares fundamentais. Esixiriamos retirar a infiltración política das institucións para reducir a dedocracia e aumentar a transparencia. E, a partir de aí, temos proxecto e capacidade para desenvolvelo. O noso proxecto está recollido no noso programa. Trataremos de negociar esas propostas, en caso de ter que chegar a algún acordo co PP, e de que se acepte a maior parte delas ao igual que fixemos a nivel estatal. Cremos que son as propostas que necesitan Galicia. Non digo que se cheguen a aceptar ao 100%, porque cada partido ten as súas propostas, pero cremos que temos capacidade e que podemos convencer.

Texto e fotos: Sara Fontenla