O deseñador e creativo da TVG verinés é asemade membro do equipo directivo do Festival Internacional de Curtas

O Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV que se celebrará do 5 ao 11 de decembro, dá un paso máis na súa promoción a través do seu cartaz. Un dos principais elementos publicitarios que era presentado oficialmente na mañá do 14 de novembro na Casa da Cultura de Verín.

Alí, acompañado polos coordinadores do festival, Emilia Somoza (concelleira de Cultura) e Carlos Montero (responsable de prensa do Concello de Verín), o deseñador e creativo na TVG verinense Jorge Godás, responsable de deseñar tanto o cartaz como a identidade corporativa, asegurou ter feito un “guiño á Luis Buñuel”.

O verinés Jorge Godás, é o creador do cartaz do FIC Verín.

O verinés Jorge Godás é o creador do cartaz do FIC Verín.

Membro do equipo directivo e un dos alma máter do festival que abrirá as portas o vindeiro 5 de decembro, o creativo provén dunha longa tradición de fotógrafos. “Son a cuarta xeración da familia. O meu bisavó do Carballiño xa empezou co negocio nas orixes da fotografía e da familia aprendín moito do que sei”, asegura Jorge,  explicando que para o deseño (fixo varios bocetos e finalmente elixiron este) inspirouse “nunha imaxe que perdura no imaxinario universal como é a do ollo cortado da curtametraxe El perro andaluz de Luis Buñuel”.

Á parte do “ollo” que é por onde entra a imaxe, o cartaz fai referencia á Vía XIV (calzada romana que atravesaba Verín) asegurando que o seu obxectivo é lograr un logotipo que perdure e que sexa identificativo “cando se vexa na entrada do pobo, nunha camiseta,…”

Os membros do equipo do festival amosando o cartaz.

Os membros do equipo do festival amosando o cartaz.

Con respecto ao festival propiamente dito, o coordinador Carlos Montero explicou que están coa primeira criba das 650 curtas que recibiron de 21 países. “Seleccionaremos unhas 30 cada un e desas farase unha segunda criba, e non podemos adiantar cantas quedarán pero poden ser entre 30 e 50”, dixo, destacando as obras de Sudamérica e España, aínda que tamén contan con cintas de Irán ou Europa do Este “que non encaixan dentro das categorías polo que irían fóra de concurso”. Montero asegurou que nuns días daranse a coñecer os títulos finais así como o programa completo.

A concelleira de Cultura e tamén coordinadora, Emilia Somoza, quixo aproveitar a ocasión para agradecer a colaboración de toda a xente que está implicada neste proxecto co que pretenden dinamizar Verín, “amosar Verín e que mellor que facelo a través desta pequena pantalla proxectada cara ao mundo”, asegurou, destacando asemade aos artistas de Verín que están “facendo un gran labor así como a todos os voluntarios que van participar”.

Fotos: Carlos G. Hervella

A concelleira de Cultura de Verín e coordinadora do Festival Internacional de Curtas de Verín, Emilia Somoza; o creativo e membro do equipo Jorge Godás; e o responsable municipal de comunicación e coordinador, Carlos Montero, na presentación.

A concelleira de Cultura de Verín e coordinadora do Festival Internacional de Curtas, Emilia Somoza; o creativo e membro do equipo, Jorge Godás; e o responsable municipal de comunicación e coordinador, Carlos Montero, na presentación.