Os socialistas piden no mitin central o voto dos seus e o dos indecisos porque “se somos nós os que protagonizamos o cambio, o cambio vaise producir”

 

“Van ter que contar con nós; o PSOE convertiuse en chave nas xerais e vai pasar o mesmo o 25S”, proclamaba un Xaquín F. Leiceaga pletórico ante unha ateigada Praza de San Martiño. O candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia estivo esta noite en Ourense participando no mitin central dos socialistas ourensáns, con Noela Blanco á cabeza e Carme R. Dacosta como iniciadora dos discursos. Alí, arroupado por militantes e simpatizantes, o líder da formación asegurou que “a partir de nós vaise constituír unha maioría que vai darlle a volta ás políticas de Feijóo”.

Noela Blanco pediu encher as urnas "de puños e de rosas".

Noela Blanco pediu encher as urnas “de puños e de rosas”.

Tónica constante foi a crítica ao goberno dos populares. Dacosta foi a que comezou, lembrando a xa mediática promesa electoral do Parque Acuático de Monterrei e, fronte a iso, definiu un PSOE “comprometido”. “Ti te comprometes, a diferenza de outros que prometen”, diriuse a Leiceaga. Continuou Blanco a quenda de palabra. Subiu aos compañeiros da lista candidata por Ourense e, sobre as táboas, asegurou que “votar ao PP é votar por Mnauel Baltar, unha persoa que pensa que o Pazo Provincial é o seu pazo feudal”.

Leicega, esta noite, no mitin central do PSOE en Ourense, que tivo lugar na Praza de San Martiño.

De igual xeito, criticou a visita de Feijóo esta mañá á cidade das Burgas para firmar un convenio sobre as obras de adaptación do futuro museo de San Francisco, unha iniciativa “que xa fixo o anterior alcalde”, lembrou a socialista.

Pechou as intervencións o propio Leiceaga, que aproveitou para lanzar un berro desafiante ás enquisas non favorables para o PSOE e chamou ao voto aos indecisos porque “somos a garantía do cambio”. Tamén falou da experiencia de goberno na época do bipartito, asegurando que “sabemos facelo ben”, para erguerse como “alternativa” fronte a novas formacións.

Texto e fotos: Sara Fontenla.