O presidente do Partido Popular en Ourense reuniuse con militantes e simpatizantes, pedindo o voto para o PP “a única forza política que ten posibilidades de gobernar con maioría absoluta”

A tres días para a xornada de reflexión previa ás eleccións do domingo 25 de setembro, o presidente do Partido Popular en Ourense e da Deputación, Manuel Baltar Blanco, achegábase ata a Rúa para reunirse con militantes e simpatizantes da comarca de Valdeorras.

Acompañado polo voceiro popular Avelino García Ferradal, demais concelleiros e tamén populares doutros concellos como o alcalde de Larouco, entre outros, Baltar percorría as rúas da localidade valdeorresa para repartir propaganda electoral e falar cos veciños. “A nosa mensaxe para Valdeorras é de unidade, buscando e pedindo o voto para a única forza política que ten posibilidades de gobernar con maioría absoluta que é o PP”, dixo o presidente popular.

Para conseguilo, o populares están facendo unha campaña “con máis de 300 actos por toda a provincia e creo que está calando a mensaxe “ou Feijóo ou o caos” porque está claro que se o PP non ten maioría absoluta enfrontámonos a un escenario parecido ao que estamos vivindo a nivel nacional e penso que Galicia non merece iso”, dixo, asegurando que  non son unha formación que se monta un mes antes das eleccións nin que elixe a un candidato catro semanas antes, “aquí hai un traballo previo, unha experiencia, un aval, e sobre todo un proxecto. Non só é o PP de Galicia e Feijóo, é o programa para o vindeiros catro anos que evidentemente temos que pedirlle á xente que vote”.

Con respecto  aos obxectivos do Partido Popular  “están claros: manter os 8 escanos de 14 da provincia que garanticen a maioría absoluta”.

Fotos: Carlos G. Hervella