“Galicia precisa dunha lei que facilite o impulso demográfico” aseguraba a cabeza de lista popular pola provincia, Marisol Díaz

O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, defendía nos mitins celebrados na tarde do 20 de setembro en Viana do Bolo e na Gudiña un proxecto construtivo e unha política baseada nos feitos “que está a dar os seus resultados, porque mentres o bipartito nos deixou unha Galicia quebrada, o goberno de PP foi quen de asumir a súa responsabilidade e administrar con sentido de país os poucos cartos que nos deixaron”.

 

Participantes no mitin do PP na Gudiña.

Participantes no mitin do PP na Gudiña.

“Galicia precisa dunha lei que facilite o impulso demográfico, por iso na próxima lexislatura queremos chegar a un gran pacto político e social nesta materia”, sinalaba ademais a cabeza de lista popular pola provincia, Marisol Díaz. Ourense, aseguraba, é unha das provincias máis afectada polo envellecemento da poboación, “polo que se beneficiará das medidas incluídas no programa do PP para axudar aos ourensáns que desexen ter fillos”. Neste senso aludía ao programa de casas niño no rural, ao bono concilia para que os nenos de cero a tres anos teñan praza nunha escola infantil ou ao apoio ás familias numerosas. “Nunha sociedade como a actual, a conciliación tórnase esencial para aumentar a natalidade e o PP non aforrará esforzos”, engadía.

 

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, intervindo no mitin de Viana do Bolo.

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, intervindo no mitin de Viana do Bolo.

Por outra banda, na xornada do 20 de setembro o PP contaba cunha carpa instalada na rúa do Paseo da cidade de Ourense e celebraba un mitin no barrio da Cuña, no que participaban o candidato Miguel Santalices; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o alcalde, Xesús Vázquez; e o presidente de distrito, Jorge Pumar.