A Premier do certame contou coa presenza do verinés Héctor Domínguez, director da curtametraxe inaugural “El Pozo”

Despois de meses de duro traballo e promoción, o Festival Intenacional de Curtas de Verín-Vía XIV lograba crear unha gran expectación. E non defraudou.

Pasadas ás nove e media a noite do luns 5 de decembro, e despois da presentación ao medios de comunicación nunha rolda de prensa, o Auditorio de Verín abría as portas ao público para asistir á gala de inauguración da primeira edición deste certame de curtas que xira en torno a tres temas que forman parte da idiosincrasia da vila: a emigración, a fronteira e o Entroido, vertebrado sobre a estrada romana Vía XIV que atravesa a comarca.

Sobre ese tema xira o video promocional co que o equipo do FIC Verín daba a benvida ao público asistente “ao principio dunha viaxe fascinante” non só pola Vía XIV e por Verín que coa súa tradición cinematográfica dan nome ao festival, senón por diferentes nacionalidades (de Europa, de África, de Sudamérica,…) de onde proveñen as 39 curtas que se poderán visualizar ao longo da semena e que optarán aos premios. Por iso o presentador da gala, o actor verinés, Toño Salgado convidou aos presentes a “asistir aos pases, disfrutar das curtas e votar”, xa que tamén hai un premio do público.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane. /Foto: Carlos G. Hervella.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane. /Foto: Carlos G. Hervella.

Feitas as presentacións, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, era o primeiro en subir ao escenario do Auditorio, co aforo practicamente cheo, para vivir “un momento histórico”. Na súa intervención Seoane falou da emigración, pero tamén da valentía, do tesón e do talento das xentes de Verín, contando a historia de Julio Casio fillo de Caeno, un xove do val do Támega da época romana, “posiblemente o primeiro emigrante da nosa historia, do que teñamos constancia documental”, dixo.

Trala fermosa historia de Julio, era a concelleira de Cultura e coordinadora xeral do festival quen subía ao escenario. Emilia Somoza contaba como a idea do festival nacía da man de Jorge Godás e Carlos Montero, como o proxecto que necesitaban para dar a Verín o pulo cultural que buscaban dende a área que dirixe. “É a porta pola que Verín sae ao mundo e  pola que o mundo verá a Verín”, asegurou antes de presentar ao “quinteto organizativo”: Jorge Godás, Carlos Montero, Xosé Lois Santiago, Bruno Rúa e Fernando Barreiro.

A concelleira de Cultura e coordinadora do FIC Verín, Emilia Somoza. /Foto: Carlos G. Hervella.

A concelleira de Cultura e coordinadora do FIC Verín, Emilia Somoza. /Foto: Carlos G. Hervella.

A coordinadora daba paso á proxección da curta inaugural “El Pozo”, dirixida polo verinés Héctor Domínguez-Viguera Queija e protagonizada por Aitana  Sánchez Gijón, unha obra rodada nos bosques de Vilar de Barrio que trata sobre as diferentes maneiras que ten o ser humano de enfrontarse aos medos. Como os protagonistas, vivindo en ambientes convulsos, mostran ou ocultan a súa verdadeira natureza en función das súas circunstancias e do medo que os abrangue.

Trala proxección, o propio director, unha das actrices e musa de Héctor Domínguez, Clara Pampyn, e demais membros do equipo técnico, responderon as cuestións do público que aplaudiu a fita que abría a primeira edición do Festival Internacional de Curtas de Verín-Vía XIV que se desenvolverá ao longo de toda a semana.