O certame presenta hoxe pezas con temática de Emigración, Entroido e Fronteira e Rafael Cid moderará o primeiro foro sobre a emigración

Despois da inauguración  na noite do 5 de decembro, o Festival Internacional de Curtas de Verín-Vía XIV continúa o seu programa. Así, entre hoxe e o venres 9 de decembro terá lugar no Auditorio Municipal, por conta do fotógrafo Carlos Folgoso, unha vídeo mostra fotográfica sobre a actual crise migratoria de Europa. El mesmo declara que para captar as imaxes conseguiu “entrar infiltrado” e facerse pasar por un inmigrante dentro dun Centro de Identificación e Expulsión, para poder comprobar por si mesmo a “diferencia entre a realidade e o que me querían facer ver”.

Ademais ás 18 horas, no propio Auditorio, terá lugar un foro sobre a emigración galega, no que se falarán das súas causas e consecuencias, así como da proxección actual que podemos atopar tanto na nosa terra coma nos territorios de África, Siria e outras partes do mundo. Moderado polo director da delegación galega da RTVE, Rafael Cid participarán o fotoxornalista Carlos Folgoso, o especialista en exilio económico e político Xurxo Martínez Crespo e os emigrantes retornados Xosé Leirós Gude e José Antonio Silva Abuín.

Jorge Godás, Carlos Folgoso e Carlos Montero.

Jorge Godás,  Carlos Montero e Carlos Folgoso.

E a programación do Festival continúa nos dous recintos con proxeccións de curtas durante toda a tarde, que serán, coma todas as do Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, de balde.  A partires das 20:30 horas comezará a proxección dun bloque de 7 curtametraxes que continúan a temática da Emigración: “Salsa”; “Diente de león”; “Cómplices por accidente”; “Alone”; “56”; “Haters”; e “Cuco”. A continuación, a partir das 22:15 h, terá lugar a reprodución dun bloque de curtametraxes sobre o Entroido: “O Moredo”; “La conmoción del silencio”; “Criaturitas”; “Juegos de risa”; “Ulises”; e “O proxecto do meu pai”.

Na Casa da Cultura de Verín as proxeccións de curtametraxes comezan as 18 horas. En total proxectaranse nesta sesión 6 curtas, todas elas relacionadas coa emigración: “Share o no Share”; “Kamishibai”; “Stalingrado”; “The heat wave”; “17 años juntos”; e “Donde caen las hojas”.  A partires das 20h. dará comezo outra proxección cunha serie de 6 pezas que teñen o Entroido como tema principal: “Ikal”; “Taller de corazones”; “El quimérico espectáculo de los Bizzaneli”; “Cruel perdón”; “Dieciocho”; e “Bruce Gallagan”. A última das sesións iniciarase as 22:15h. coa proxección de curtametraxes do bloque temático Fronteira: “Wut”; “El Pozo”; “Naara”; “Por eso no tengo hermanos”; “A prueba”; e “El chico del diente de oro”.