Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense, participaba no Barco nun acto público xunto aos candidatos valdeorreses Suso Vilasánchez e Sofía Carril

O BNG aposta por sacar á Ourense da “situación de auténtica emerxencia que vive”. Dicíao a número un da súa candidatura na provincia, Noa Presas, no acto aberto que este partido político celebraba no Malecón do Barco na tarde do 19 de setembro. “Expúlsannos deste país e condénannos a converter Ourense nun deserto, en lugar de facer del un lugar para vivir con calidade”, continuaba. Ante esta situación Presas incidía en que o BNG “conta con solucións de emerxencia”, entre elas, “unha renda de garantía social para que non haxa nin un só fogar sen un ingreso mínimo” e o “Plan Retorna para traer de volta a Galiza á mocidade”.

Pero o proxecto nacionalista mira máis alá e plantexa medidas, apuntaba Presas, “máis profundas que potencien as capacidades deste país como un cambio de modelo de financiamento mediante unha facenda galega”, “a blindaxe dos servizos sociais”, o “desenvolvemento dunha banca galega”, un monte “desenvolvido de forma multifuncional”, unha lei do viño ou unha tarifa eléctrica galega. E lembraba que “o nacionalismo é o antónimo de inxustiza porque sempre estivemos traballando do lado do noso país e da nosa xente”.

Noa Presas, cabeza de lista por Ourense.

Noa Presas, cabeza de lista por Ourense.

Un dos momentos do mitin no Barco.

Un dos momentos do mitin no Barco.

Noa Presas recordaba tamén que o BNG está a realizar unha campaña electoral a pé de rúa que vén resultando “moi positiva. Estamos medrando en apoios e a xente valora o noso proxecto político para este país, con respostas reais a problemas reais”. Co seu discurso pechábase un mitín no que tamén falaban Antón Rodríguez Prieto, do BNG de Vilamartín, quen presentaba aos dous valdeorreses que figuran na lista do BNG ás eleccións galegas na provincia, Suso Vilasánchez (número dous) e Sofía Carril (número nove).

Suso Vilasánchez, intervindo no mitin no Malecón, xunto a Noa Presas.

Suso Vilasánchez, intervindo no mitin no Malecón, xunto a Noa Presas.

Vilasánchez centraba a súa exposición na importancia de ter uns servizos públicos e unha sanidade potente e de calidade, “uns elementos fundamentais na redistribución da riqueza, deseñados para satisfacer necesidades sociais”. Fronte a iso aludía ao panorama actual galego “cunha atención precarizada e listas de espera inasumibles, con peches de camas e consultorios, con externalización de servizos… Están laminando a sanidade pública periférica nos hospitais comarcais”. A medicina, dicía, para “acabar con ese xerme nocivo é a bloquina, o BNG é a única forma de manter a sanidade pública”. Pola súa banda, Carril engadía que “mentres nos gobernen dende Madrid, nada mudará se non é a peor” e pedía “o voto para un tempo novo”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Sofía Carril, número nove da lista do BNG na provincia.

Sofía Carril, número nove da lista do BNG na provincia.