Da man do artista barquense Chere, unha trintena de nenos de 3 e 4 anos participaron nesta iniciativa enmarcada no programa das Festas do Cristo

Os cativos son uns dos protagonistas do programa das Festas do Cristo, con numerosas e variadas actividades dirixidas ao público familiar. Unha delas levaba a unha trintena de cativos de 3 e 4 anos (previa inscrición na Casa da Cultura) a participar, acompañados polos seus pais, nunha peculiar, divertida e interesante iniciativa: un obradoiro de pintura comestible impartido polo artista barquense Gerardo Rodríguez Ramos “Chere”, no Malecón do Barco de Valdeorras.

Partindo do conto de Carlos Casares (homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano), “A Galiña Azul”, o artista barquense propuxo aos cativos pintar unha galiña cunha pintura e un lenzo moi especiais: iogur natural e unha oblea.

“O bo de traballar con nenos tan pequenos é que eles mesmos perciben diferentes sabores segundo a cor que teña o produto aínda que en realidade sexa o mesmo”, explica Chere. O amarelo sábelles a limón, o rosa e fresa, o violeta a mora,… e así sucesivamente polo que combinando diferentes colorantes coa base branca do iogur, pais e nenos ían conseguindo pintura de cores comestible coa que intentaban, máis que conseguían, dar forma á galiña sobre a oblea.

Sen dúbida o mellor desta actividade é o traballo en equipo de toda a familia e que ao final poden degustar a súa propia obra de arte, despois de pasar unha mañá do máis entretido.

Fotos: Mónica G. Bellver.