Noa Presas Bergantiños, número un da candidatura do BNG pola provincia de Ourense

 

Tras encabezar en dúas ocasións a lista ourensá do BNG nas eleccións xerais, Noa Presas Bergantiños (Ourense, 1987) afronta a súa terceira campaña en menos dun ano, pero desta volta como candidata ao Parlamento galego. “As sensacións son totalmente diferentes, comezando xa polas expectativas de posibilidades”, comenta, “é certo que as xerais son máis limitadas xa que o BNG nunca tivo representación por Ourense, pero supoñen unha forma de dar a coñecer novos perfís nun proceso de renovación do BNG e serven de altofalante ás nosas reivindicacións. No caso das eleccións galegas a comunicación coa xente está sendo moito máis positiva porque ven que o BNG ten representación e expectativas de mantela”.
Para esta filóloga de formación e teleoperadora de profesión que nunca perde o sorriso, a provincia de Ourense está nunha “situación de emerxencia” para saír da cal o BNG plantexa medidas de acción inmediata, pero outras máis profundas e a medio prazo. E nese proceso de recuperación subliña que o rural ten un papel esencial, non só na provincia sentón tamén no resto de Galicia.

¿Como está indo a campaña, nota máis presión que nas das eleccións xerais?
Hai tanto traballo que xa perdes un pouco a noción do tempo e a noción desa presión, pero si que é certo que para nós son moi importantes e máis nesta recta final, onde o que din as enquisas e o que nós percibimos é que lle estamos desputando o último deputado ao PP. Iso por unha parte é máis estimulante, pero pola outra sentes máis responsabilidade. Para nós sería un orgullo acadar ese obxectivo.

Noa Presas durante o mitin celebrado no Barco o 19 de setembro.

Noa Presas durante o mitin celebrado no Barco o 19 de setembro.

¿Como é a candidatura que presenta o BNG na provincia?
O que intentamos é conxugar a diversidade territorial coa diversidade de perfís no senso de incorporar xente de diferentes sectores. Temos ao número dous de Valdeorras, que representa ao sector da sanidade, que é un aspecto para nós fundamental. Temos tamén ensinantes, xente nova en idade, cunha incorporación importante nesta candidatura e a nivel galego con dúas cabezas de lista de menos de 30 anos. Hai ademais persoas con experiencia, por exemplo, a nosa candidatura péchaa Pepe de Cartelle, que estivo no goberno bipartito na Consellería do Medio Rural. Tamén contamos con diferentes concelleiros para dar visibilidade e apoio aos gobernos municipais, como é o caso do de Verín, coa incorporación de Puri Caldelas e de Diego Lourenzo.

Presas co número dous da candidatura nacionalista na provincia, o valdeorrés Suso Vilasánchez.

Presas co número dous da candidatura nacionalista na provincia, o valdeorrés Suso Vilasánchez.

¿Que medidas inclúe o programa do BNG para frear a situación económica, de despoboación e envellecemento que presenta a provincia?
Entendemos que esta é unha situación de emerxencia e este tipo de situacións non se solucionan en dous días. Nós non lle imos prometer ao electorado que en 45 días imos rematar co desemprego porque sería mentir. A solución tampouco pasa por ingresar “x” millóns e dicir que cun plan de emprego xa está solucionado, senón que hai que ir a cuestións máis fondas. Entón nós temos medidas en dous planos, un deles para as urxencias, onde eu destacaría para Ourense a aposta por unha renda de garantía social para que non haxa nin un só fogar sen unha cobertura económica para poder prosperar económica e socialmente. E logo hai medidas xa máis a medio prazo, de cara a que a Xunta se involucre na creación de emprego, e iso pasa por dotar os servizos básicos de sanidade e de ensino, que a día de hoxe están practicamente desmantelados. Pasa por apostar por unha banca pública para poder investir en creación de emprego de calidade e apoiar, por exemplo, aos pequenos produtores no rural; e por ir implementando políticas máis a medio prazo. Estamos nun momento no que non é suficiente cambiar de xestores. Se levamos 40 anos onde Ourense é a provincia que está á cola de todo é porque son necesarios cambios máis profundos como os que por exemplo intentou Alfredo Suárez Canal na Consellería do Medio Rural con programas de vangarda sobre os viñedos ou con iniciativas como o banco de terras.

O valor do rural é algo no que se está incidindo especialmente dende o BNG nesta campaña…
Para nós sempre é un elemento importante porque entendemos que é un sector estratéxico clave na futura recuperación económica de Galiza e no modelo de país que queremos construír, un modelo sustentable, respectuoso con poder vivir nun rural habitado e habitable, como unha mostra tamén de calidade de vida. Ademais internacionalmente a nivel económico podemos competir grazas ao rural, tanto en produción de calidade como en facer unha política diferente, por exemplo, de ordenación de monte. Lamentablemente vimos que este foi un setembro de moitos incendios, cos peores datos de lume do último lustro e iso é así porque o monte está deshabitado, porque non se pon a producir dunha forma multifuncional e tamén porque hai un corpo de extinción de incendios que non está profesionalizado baixo un mando único como sector e nós mesmos reclamamos.

¿Que modelo de organización administrativa propón o BNG para que os servizos cheguen de igual xeito a todo o territorio?
Historicamente o BNG sempre defendeu dende o seu nacemento a comarcalización dos servizos, alegrámonos de que agora haxa máis voces a favor desa iniciativa. Nós defendemos que debería haber un servizo galego de servizos sociais que funcionase dunha forma parecida ao Sergas, para coordinar todos eses mesmos servizos básicos. Agora mesmo a situación que hai é que a Xunta ten desmantelada a Lei de dependencia e os concellos teñen que asumir o que se denomina competencias impropias e ir poñendo parches segundo as necesidades do seu municipio, e moitas veces cun orzamento insuficiente por parte da Xunta. Iso ten que ordearse dunha forma racional e dotarse de financiación. Por iso defendemos un cambio no modelo de financiamento e que sexamos nós quen recademos os nosos impostos a través da Xunta e aí decidir a prioridade. Para nós cambiar o modelo de financiamento é blindar automaticamente os servizos básicos de ensino, sanidade, servizos sociais e demais.

 

Esta é a terceira campaña electoral na que Noa Presas encabeza a lista do BNG pola provincia, pero a primeira na que o fai nunhas eleccións galegas.

Esta é a terceira campaña electoral na que Noa Presas encabeza a lista do BNG pola provincia, pero a primeira na que o fai nunhas eleccións galegas.

Ademas de crear un tren galego, ¿que outras medidas inclúe o programa do BNG para vertebrar as diferentes zonas ou concellos cun transporte público?
Vertebrar o territorio é unha aposta estratéxica e ademais un dereito de todos os veciños/as é partimos do ferrocarril, que é unha infraestrutura que está feita e que está desaproveitada. É moi positivo o proxecto do Galtren, pero iso ten que complementarse con liñas, financiadas con apoio público, de transporte colectivo, nomeadamente o autobús para unir cunha certa garantía as poboacións. Hai diferentes formas de artellar o transporte colectivo para que poda abranguer diferentes territorios cuns modelos de autocares máis pequenos e indo a reducir o gasto. Pero ao final os servizos básicos deben ser un piar inquebrantable dunha Galiza de benestar e non de malestar como a que temos.

 ¿Como valora o peso que tivo nestes anos Ourense no goberno galego?
Historicamente Ourense e, en xeral o interior de Galiza, foi bastante marxinado polas políticas do PP porque a nivel de peso de poboación e do que algúns partidos políticos entenden como peso político é menor. Centraron os grandes investimentos e as grandes políticas en privilexiar o corredor do Eixo Atlántico deixándonos a un lado. E, sobre todo, non teñen un proxecto de país para o desenvolvemento rural, entón non lles importa que Ourense acabe sendo un deserto ou unha reserva arbórea e a tendencia é a que todo se aglutine en grandes centros de poboación, pero nós entendemos que hai outros modelos posibles.

Se falamos de pactos, ¿cal vai ser a postura do BNG no caso de que o PP perda a maioría absoluta?
Por nós fala, mellor que as miñas palabras, a nosa historia. O BNG é unha forza política que sempre estivo en disposición de desprazar ao PP do goberno en canto tivo ocasión, independentemente de que iso o invisibilizase ou puidese ter custos electorais por ser nalgún concello, por exemplo, o socio pequeno. Nós en Galiza non permitiremos o que permitiron outras forzas políticas en Madrid, que lle deron lamentablemente unha prórroga dun ano a Rajoy. Estaremos en disposición de propiciar ese cambio político, que ogallá sexa posible, pero non a cambio de cheques en branco. Hai que facer un compromiso con cambios profundos para este país e cremos que seremos capaces de chegar a acordos polo ben de Galiza e da súa xente, como sempre fixemos.

 

Texto: A.R.

Fotos:  Carlos G. Hervella/ A.R.