Jesús Vilasánchez, veciño do Barco e enfermeiro de profesión, é o número dous da lista do BNG por Ourense

Non é a primeira vez que o seu nome aparece nunha lista electoral. No 2015 encabezaba a candidatura do BNG polo Barco nas municipais e agora, nas eleccións galegas, é o número dous deste partido por Ourense. “Só teño experiencia política na oposición e no activismo”, conta Jesús Vilasánchez Feijóo, veciño do Barco e enfermeiro con máis de trinta anos de profesión, vinte deles no Hospital Comarcal Valdeorras. O paso de presentarse aos comicios galegos dábao “pola necesidade de arranxar unha serie de cousas no país, vexo un país camiño do desastre, por iso métome na estrutura que ten unha idea de país: o BNG. Entón estou aquí porque penso que isto se pode arranxar e porque teño unha filla na emigración, algo que me doe moito”.

 ¿Que quere dicir cando sinala que o BNG ten unha idea de país?
Se un partido non ten unha idea de país anda dando saltos erráticos dun lado a outro. Por exemplo, un pode relacionar esa  falta de idea do país coa existencia de tantos lumes e cunha débeda tan brutal como ten Galiza, tras estar sufrindo recortes tras recortes. Se en vez de andar apagando lumes, despois do primeiro incendio se planifica o monte, se plantan especies autóctonas con alto valor engadido e que non sexan pirófilas, o monte non arde. Se en vez de andar gastando diñeiro en empresas privadas, en voos e en apagar lumes, se gastase en prevención, o monte non ardería e agora mesmo teriamos menos débeda pública, máis traballo, un monte producindo e os ciclos produtivos pechados. Iso é ter idea de país, a parte, dese xeito podemos ter poboación no rural, familias novas con fillos. A idea de país tena o BNG e iso é algo que queremos demostrar e os demais andan saltando de lume a lume  e de problema en problema cando hai solucións, montóns de solucións. E con relación ao tema dos lumes, dende o BNG queremos facer un apoio aos traballadores de extinción de incendios. Estamos fartos de ver como o señor Feijóo se rompe as vestiduras louvando aos axentes forestais, aos bombeiros forestais, cando acabamos de enterarnos de que existe unha denuncia ante inspección de traballo por un problema grave no sistema de freado nos vehículos motobomba marca URO que se están usando. Nós imos estar en contacto con algún representante deles  e imos ver qué é o que pasa.

¿Como é a candidatura que o BNG presenta pola provincia de Ourense e da que forma parte?
Hai xente de todo tipo, dende xubilados da lousa, como a número nove da lista que é de Arcos; ata persoas en activo, como é o meu caso. Ademais detrás de nós temos un equipo espectacular, que non marcou para casa. Está Tareixa Paz, está Suárez Canal… por citar só a xente da provincia. Detrás temos equipo e experiencia e, por riba, somos quen de estar en moitos ámbitos da realidade económica e social do país.

¿Como ve a realidade da provincia de Ourense tendo en conta a situación do resto das provincias galegas?
Estamos peor que o resto de Galicia, pero non só iso, ponse de exemplo do mal que estamos a comarcas como Verín ou Viana, cun tercio menos de renda per cápita que a media da Coruña. Se unha persoa na Coruña ten 3 euros, unha en Viana ou Verín ten 2, e son comarcas moi ricas e cun potencial de desenvolvemento espectacular. O problema é que non se está traballando de verdade pola provincia. Ourense é unha provincia esquecida. Se algo lle sobra son núcleos abandonados, sen máis. Lugares que antes eran capaces de dar traballo, comida e de facer que unha familia sobrevivise, agora están a monte. ¿Cal é a realidade? Que pasan, pero pasan os propios políticos ourensáns, están facendo unha verdadeira desfeita. Sen embargo, a provincia de Ourense ten unhas capacidades de desenvolvemento espectaculares, pero necesita respostas rápidas da Administración. Falta unha idea de país en conxunto.

Jesús Vilsánchez, nun dos momentos da entrevista./ Foto: Carlos G. Hervella.

Jesús Vilsánchez, nun dos momentos da entrevista./ Foto: Carlos G. Hervella.

¿Que proxecto defende o BNG para o desenvolvemento da provincia?
No rural queremos repoboar os montes e pechar neles os ciclos produtivos. Non queremos que se exporten castañas, senón que se vendan a unha empresa de aquí que exporte os botes de marróns glacé ou de castañas en chocolate, para que saian produtos feitos. Queremos unhas medidas de política agraria propia. Aquí non temos chairas cerealícolas, senón o macizo galaico, con vales, con caborcos, con cumios…, polo tanto, non é normal que a nós se nos apliquen políticas agrarias que poden ser boas para España, pero España é chaira e nós non. Galiza ten que ser capaz de decidir a súa propia política agraria. E nós temos potencialidades no rural: a apicultura, o sector da castaña, a madeira, o viño, a carne de calidade… Nosoutros non temos as mesmas condicións que outros lugares do Estado, nin podemos ser atendidos da mesma forma. Non somos nin mellores nin peores, pero somos distintos. Iso é o que é ser nacionalista, recoñecer a túa propia distinción. Esta é unha terra distinta. Ademais é necesario fixar poboación, ¿como podemos ter desenvolvido un rural se non hai xente? E dende logo non fixamos poboación pechando aulas, nin pechando consultorios médicos, nin cubríndoos a media xornada. Debemos manter uns servizos públicos e dende logo non desenvolvemos unha provincia se non temos medios de comunicación: autobuses, trens… Entendemos que é moi difícil chegar a un sitio como Pradoalbar ou Enciña da Lastra e poñerlles todos os servizos, pero haberá que ver como centramos as cousas ou como as agrupamos en determinados puntos comúns. Outra cuestión é a do financiamento que ten Galiza e a do finanzamento local. Nós non podemos asumir como bo para nós o sistema de finanzamento público que hai para o resto de país, un sistema baseado na poboación pura e dura. A nosa poboación está moi dispersa por tradición e é bastante máis caro darlle servizo a unha poboación dispersa que a unha agrupada. Queremos un sistema distinto de finanzamento e iso está relacionado con que nos deixen recaudar os nosos propios impostos e decidir nós o que queremos facer con eles. Outra das medidas máis importantes que recolle o BNG é a da tarifa eléctrica galega. Nós puxemos o terreo, o sufrimento das familias, a actividade que se erradicaba, o risco medioambiental, e sen embargo non recibimos ningún beneficio por iso. Aínda por riba estamos pagando o transporte da tarifa a Madrid, e logo vemos como outros lugares do Estado español con gobernos máis fortes teñen tarifas propias para industria, como Euskadi. A enerxía producímola nós, nós temos os problemas medioambientais, perdimos os sitios, e sen embargo os que teñen unha tarifa reducida para industria son eles e compiten en mellores condicións que nós. E os beneficios desa industria enerxética están en Madrid. Pois nós tamén queremos recuperar esas cousas, iso tamén é ter idea de país. O noso programa ten 87 folios, é imposible editar un folletiño con el, por iso poñémolo a exposición pública en internet: http://www.bng.gal/media/bnggaliza/files/2016/09/12/programa_electoral_galegas_2016.pdf

O plantexamento que están facendo da campaña na provincia, ¿vai na liña de explicar ese programa?
Estamos explicando o programa por zonas e por temas e estamos confrontándoo coa realidade. Gustaríanos que o goberno non mentise, e si que podemos prometer que nós non mentimos. Para chegar máis á xente falamos máis de conceptos e de ideas que de datos concretos, pero cando queren datos, tamén os damos.

Jesús Vilasánchez, colocando un cartaz do BNG no Malecón do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Jesús Vilasánchez, colocando un cartaz do BNG no Malecón do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

¿Que expectativas ten o BNG nestes comicios na provincia?
Pensamos que o escenario cambiou. Eu personalmente vía nas anteriores eleccións xerais unha agresividade cara nós brutal, sabía que nos ían a arrasar, e así foi, porque se vía. Pero agora non é así, estamos vendo moita xente que se achega a nós ou que te para co fin de pedirche a papeleta… Entón si que hai un cambio, ¿ata onde chegará? Non o sei, non o sabe ninguén. O que si sei é que a nosa é unha idea cohesionada, ben feita. Nós temos ao mellor pouca base, pero moi concienciada e preparada, que ten moi meditado o seu voto. É amor ao país e iso non se combate.

Se o BNG consegue un segundo deputado pola provincia, sería a primeira vez que o nacionalismo estivese representado no Parlamento por un valdeorrés…
Iso demostra que o BNG ten unha conciencia de país, non é un núcleo urbanita nin unha serie de amigos, estamos espallados polo país. E eu espero que Valdeorras tamén o aprecie. Isto vai depender de moi pouquiños votos, é bastante difícil, pero non imposible. De ser deputado, o meu traballo e esforzo está asegurado, como o de calquera deputado ou deputada do BNG.

 

Texto: A.R.