O núcleo rural de Seixalbo deu a benvida aos tres personaxes máis salientables do seu Entroido. Paquita, Nicanor e Vicentiño foron recibidos no lugar con ledicia e moita sona, xa que, segundo comentou o pregoeiro deste ano, Roberto González no seu discurso “volveron con moitos amigos de todas as partes do mundo”.

Os tres mecos percorreron as rúas de Seixalbo dende o parque do Lavadoiro ata a parada de autobús dos Barreiros. Alí, os pregoeiros da festa, Roberto González e Pilar González (veciños especialmente implicados no Entroido dende hai moito tempo), descubriron unha placa que dá nome a esa praza como “Praza de Paquita e Nicanor”.

A comitiva continuou, sempre ao ritmo da charanga Europa, polas rúas do pobo até chegar á Praza Maior. Todos os habitantes do lugar achegáronse até este punto para festexar, canda Paquita e Nicanor, o comezo do Entroido. O pregoeiro, Roberto González, salientou no seu discurso que Seixalbo “é o pobo onde mellores empanadas e pan se fai” de toda a contorna. Tamén animou “aos homes a que se vistan de mulleres e ás mulleres que se vistan de homes” e, antes de dar comezo ao Entroido, fixo unha advertencia en clave de humor: “coidado aos que saídes do armario, porque se volvedes entrar poderedes levar un golpe”. Unha vez rematou o discurso, todo o pobo fundiuse nunha festa, para celebrar a chegada dos seus personaxes favoritos do Entroido.

 

Fotos: Carlos Asensio