O pregón de Antonio Marchena daba paso a un desfile que concluía cun multitudinario xantar da XXVIII Festa do Cabrito

Coa lectura do pregón, a cargo de Antonio Marchena de Sabuguido, encetábase o desfile de folións do Domingo Gordo de Vilariño de Conso. Ademais facíase entrega dos premios do concurso de disfraces celebrado na noite anterior.

Deseguido, os Boteiros de Vilariño movían as súas chocas e soaban os bombos e as gadañas do seu folión, na zona do Toural. A partir de aí baixaban media ducia de folións do municipio: os de O Val, Pradoalbar, Chaguazoso, Conso-San Cristovo e Mormentelos, seguidos da Caniceira, A Lardeira e As Maceiras (os tres de Trives), o folión de Carracedo da Serra (A Gudiña) e o de Queixa.

Multitude de persoas se concentraban na praza de Vilariño e tamén ao longo do pecorrido do desfile, que remataba nas inmediacións co colexio. Despois dábase paso ao multitudinario xantar da XXVIII Festa do Cabrito, cuns 1.200 comensais.

Fotos: Ángeles Rodríguez (agás a imaxe do cabrito).