O avogado ourensán e ex militante do PSOE, Miguel Caride, lidera a candidatura de DO pola provincia nas autonómicas do vindeiro domingo

O cabeza de lista de Democracia Ourensana (DO) por Ourense, José Miguel Caride Domínguez (1964), conta cunha dilatada experiencia nas lides da avogacía. Exerce como letrado dende 1988 e compaxinou de sempre a súa profesión co interese pola política, un ámbito no que participou de xeito activo militando no PSOE até 2015 e formando parte do congreso fundacional do Partido Nacionalista Galego. Forma parte na xunta de goberno do Colexio de Avogados de Ourense e no xurado provincial de Montes Veciñais en Man Común. É, así mesmo, coordinador da Oficina de Intermediación Hipotecaria de Ourense. Móstrase ilusionado encabezando un proxecto que el mesmo define como “moi ourensán” e aspira a entrar no Parlamento para “recompensar a toda esa xente que confiou en que as súas ideas poidan chegar a Santiago”.

Como decide Democracia Ourensana dar o salto á política autonómica?
Cando Democracia Ourensana naceu xa o fixo con vocación provincial. Estamos cansos de traballar na construcción da Galicia atlántica e non ver resultados no interior. Pero por motivos de estrutura de grupo e por razóns económicas, empezamos pola cidade de Ourense. Xa nos presentamos nas anteriores autonómicas pero con carácter testimonial. Despois viñeron as municipais, onde foi o gran salto, e pasamos a ter oito concelleiros. Agora entendemos que hai un caudal electoral na cidade que nos daría, como mínimo, un deputado en Santiago, así que decidimos que era o momento. Ademais cremos que é un proxecto moi necesario. Nos últimos presupostos da Xunta, a inversión en Ourense foi de 220 millóns de euros, mentres que na Coruña foi de 600 millóns.

O candidato de DO defende o traballo do seu partido dende a cercanía cos veciños.

O candidato de DO defende o traballo do seu partido dende a cercanía cos veciños.

Se acadan representación, entrarían na estratexia de pactos?
O noso obxectivo é entrar no Parlamento e agardar que o PP non teña maioría absoluta. Se conseguimos ser chave en Santiago, apoiaremos aquela opción que se comprometa a facer unha inversión de 2.000 millóns en Ourense durante os catro anos seguintes.

Ven algunha opción con capacidade para comprometerse a iso?
Os datos que dicía antes da diferenza dos 200 millóns fronte aos 600, ese é o presuposto que fixo o PP até o de agora. Pero antes do PP gobernou un bipartito formado por PSOE e Bloque. Logo o Bloque dividiuse en tres pedazos: o que queda do Bloque, o que hoxe é AGE, incorporada ás Mareas, e o que é CxG. Todos tiveron responsabilidades de goberno e non fixeron nada especial por Ourense. A única opción que pode facelo somos nós porque non temos a ninguén por enriba de nós.

Denuncian un trato minoritario cara a provincia ourensá, cales son as principais propostas de DO para reverter esa situación?
Por unha banda, queremos o compromiso de destinar nos catro anos seguintes un total de 2.000 millóns de euros para Ourense, a razón de 500 millóns por ano, para desenvolver plans. O primeiro sería a creación dun Instituto de Intelixencia Artificial. Se conseguimos traer a investigadores e se consegue desenvolver ciencia, modernizamos Ourense e conseguimos riqueza, ademais de emprego.

Que hai do sector primario, histórico na provincia?
A parte de ter a Coren, temos catro denominacións de orixe vitivinícolas, produtos como a castaña, exportamos aceite… Esa produción agropecuaria hai que multiplicala por 10. Se hoxe viven arredor de 7.000 familias desta industria, queremos que vivan 25.000. Para iso hai que crear un gran parque agroalimentario en Ourense e un Clúster da Alimentación.

Caride, no Parque de San Lázaro de Ourense.

Caride, no Parque de San Lázaro de Ourense.

Propostas para o sector industrial?
Á Xunta ocurríuselle a mediados da década pasada que había que crear a gran Plataforma Loxística Industrial no sur de Pontevedra -a chamada Plisan-, tres millóns de metros cadrados de terreo para o establecemento de industrias, que incluso falaban de que podería vir a Toyota. Pois queremos que esas propostas sexan para Ourense nos seguintes anos. Despois tamén temos un proxecto de turismo, ocio e aventura, porque non podemos competir coas Rías Baixas, pero temos Cabeza de Manzaneda. E hai que explotalo para deportes de inverno e para o turismo de aventura e natureza. Queremos crear un parque acuático, que por certo no lo copiou o PP…

E que hai desa vía de alta capacidade que cruce a provincia?
A maiores deses 2.000 millóns de euros a investir, queremos trazar un mapa de comunicacións na provincia para recuperar o rural. A gran vía transversal sería do Barco a Ourense -o que en principio é a A76- pero nós queremos baixala pola Rúa, Trives e Castro Caldelas, porque as tres comarcas máis envellecidas e que máis poboación perden de toda España son esas. Non teñen por que ser autovías, poden ser vías rápidas. E darlle saída tamén cara A Gudiña, porque por alí vai pasar o AVE. No occidente ourensán tamén queremos estender a de Celanova até a fronteira portuguesa, que se pode financiar con fondos interrexionais da UE. E entendemos que a de Ourense a Lugo é fundamental. E Pontevedra, aínda que por aí podemos arranxar de momento indo por Vigo.

Retomando o do parque acuático, unha medida máis coñecida nesta campaña por custarlle ao PP unha chuvia de críticas por parte de case todas as forzas políticas en plena época de lumes forestais, cal era a súa idea en orixe? Seguen a defendela?
A crítica é por copiar unha idea de DO. Nós planteabamos esa iniciativa dentro dun plan integral de turismo. Pero nós fomos a Amarante (Portugal) a demostrar como é un parque acuático dunha cidade de 50.000 habitantes nunha zona moi similar á de Outariz, en Ourense, porque a nosa idea defende a fusión entre ocio e termalismo na cidade. A nosa sorpresa é cando Feijóo apareceu a prometelo en Monterrei. Entendemos que temos que aproveitar os recursos dun río e o recurso termal da cidade con esas instalacións. Pero esa non é a única idea que nos copiaron, o que nos indica que non imos tan desencamiñados.

A caravana electoral do partido estivo na cidade durante a pegada de carteis do inicio da campaña.

A caravana electoral do partido estivo na cidade durante a pegada de carteis do inicio da campaña. /Foto: Carlos G. Hervella.

A que se refire?
Leiceaga (PSOE) vén dicindo agora que vai tratar as listas de espera. Nós, dende fai moito tempo, temos un plan deseñado por médicos da sanidade pública e que se centra na revisión do funcionamento do sistema. Primeiro estableceríase a incompatibilidade dos médicos de traballar na pública e na privada. Logo buscaríanse os embudos como o que hai no salto da atención primaria á secundaria, coa figura dun médico internista. E se o paciente ten que facer unha proba de diagnose, ten que facela xa. E esas probas de diagnose deben funcionar 20 de 24 horas, non poden estar de 9 a 13. E o esforzo económico hai que facelo en mercar equipos. O problema é que haxa vontade para acabar coas listas de espera.

Por último, falan no seu programa da supresión do peso político das Deputacións. Significa iso a súa desaparición?
Non se poden eliminar porque a Xunta non ten competencia. Pero si ten para fiscalizar a actuación das administracións locais, entre elas as Deputacións. Entendemos que están a gañar poder político porque dan subvencións de forma libre. E ese é o diñeiro que merca vontades. O gran peso político dos ‘Baltares’ en Ourense é poder dar subvencións a municipios amigos e negarllas a outros. Teñen que ser reguladas por lei. Eu ademais son partidario de que se manteñan porque hai moitos municipios que non teñen capacidade para manterse por eles mesmos. Ten que haber un órgano supramunicipal para iso.

Texto e fotos: Sara Fontenla